Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2023 | Actualizada ás 13:29
O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG promoveu este xoves nas cidades galegas concentracións ante as oficinas do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) contra a exclusión dixital que causa "problemas graves" sobre todo aos maiores tanto no seu trato coas administracións como, por exemplo, cos bancos.
Na protesta de Santiago, Xepe Torres, do colectivo de pensionistas de CIG denunciou que, "xa desde antes da pandemia" da covid-19, as administracións desfixéronse " de traballadores" e están "a aforrar en persoal" promovendo a atención telefónica e dixital ou as xestións a través das 'app'.
"Non nos parece mal que tamén atendan así, pero o que dicimos é que todo o mundo e, sobre todo as persoas de determinada idade, necesitan unha axuda", aseverou, antes de recalcar que é preciso "que se manteña a atención presencial".
A dixitalización exclusiva causa "problemas graves" a moitos cidadáns que teñen dificultades para realizar as xestións só pola vía dixital porque non teñen os "coñecementos informáticos necesarios" ou que sofren dificultades para retirar diñeiro dun caixeiro automático.
MEDIO MILLÓN DE PERSOAS CON "PROBLEMAS GRAVES"
A modo de exemplo, conta que el mesmo tratou hai 15 días de pedir cita na oficina compostelá do INSS. "Saíume unha máquina que só fala castelán, explícanme que me van a gravar e mil cosas máis, pídenme os primeiros díxitos do código postal, supoño que para derivar ao ámbito provincial, para ao final dicirme que o servizo está saturado e que volvese chamar máis tarde. Pasoume tres veces", relatou.
En termos cuantitativos, Xepe Torres indicou que en Galicia hai 900.000 persoas que están xubiladas, das que "como mínimo 500.000" sofren "problemas graves".
PROTESTAS ANTE As ENTIDADES FINANCEIRAS
"Non só para o trato coas administracións, senón tamén cos bancos", explicou, antes de avanzar que pretenden seguir con mobilizacións polo menos "de aquí ata o verán". De feito, o colectivo prevé concentrarse tamén ante entidades financeiras.
Ademais, a CIG arrincou unha campaña de recollida de firmas para pedir amparo á valedora do Pobo contra a exclusión dixital que viven as persoas maiores cada día na súa relación coas administracións de diferente ámbito en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.