Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2023 | Actualizada ás 12:31
O sindicato médico O'Mega presentou ante a Inspección de Traballo da Coruña unha denuncia pola "acumulación de pacientes" no corredor de entrada do servizo de Urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
En concreto, foi a delegada de Prevención do sindicato na área sanitaria de Santiago-Barbanza, Fátima Nercellas, a que presentou esta denuncia. Nun comunicado, explica que os enfermos que xa teñen asinada a súa orde de ingreso en planta téñense que quedar nos corredores "ao non ter cama".
"A xerencia do CHUS persiste na súa dinámica de acumular pacientes con ingreso asinado (chamados pendentes de ingreso en planta) no servizo de Urxencias, co que os pacientes graves que veñen consultarse acumúlanse no corredor de entrada por falta de sitio para poder velos, sobre todo nos picos de maior asistencia de 13,00 a 18,00 horas", relata no escrito.
A denunciante explica que todo empeorou na última semana, cando o coordinador deu "orde de sacar ao corredor de observación" a estas persoas ata que suban a planta, todo "porque a xerencia mantén plantas pechadas, xa que non ten persoal" por "a súa política de contratación".
Ademais, a delegada de O'Mega menciona lexislación de prevención de riscos laborais para argumentar que "un corredor, vía de tránsito ou evacuación non é un lugar de traballo" Neste contexto, a sindicalista solicitou a Inspección que investigue os feitos relatados, que dite unha resolución que fixe "a responsabilidade á que haxa lugar" e que tome "as medidas necesarias" para emendar as deficiencias, incluídas sancións ou, mesmo, a paralización da actividade "se fose necesario".
A XERENCIA RECOÑECE UN REPUNTE
Pola súa banda, fontes da xerencia da área Sanitaria de Santiago-Barbanza consultadas por Europa Press recoñecen que en días pasados "rexistrouse un aumento das patoloxías respiratorias" e, por conseguinte, unha maior afluencia de pacientes e picos de incidencia elevada.
Con todo, as mesmas fontes enmarcan os feitos denunciados nas "medidas extraordinarias para dar resposta ás necesidades asistenciais que se produciron nun momento puntual e que se resolveron con axilidade". "Os pacientes que esperaban para ser ingresados xa tiñan cama asignada e foron trasladados ás súas habitacións coa maior celeridade posible", engade a xerencia.
Por último, sinala que agora a afluencia "é a normal", polo que "non se precisa ningunha medida adicional", á vez que apela á tranquilidade porque "se alguén vai a Urxencias será atendido sempre e en base a unha prioridade que se determina de modo obxectivo e asistencial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.