Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2023 | Actualizada ás 14:35
A tempada de pesca da anguía na desembocadura do río Ulla estenderase desde o 1 de abril ata o 30 de setembro deste ano. Así se recolle na resolución publicada este luns no Diario Oficial de Galicia e pola que se aproba a renovación do plan de aproveitamento específico da especie para 2023.
Segundo informou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o tamaño mínimo das capturas será de 20 centímetros, coa obrigación por parte dos pescadores de devolver ao río os exemplares que non dan a talla, así como as anguías prateadas e outras especies que entren nas nasas.
A cota total autorizada é a mesma que na última tempada, fixada nun máximo de 5.176 quilogramos para o total das embarcacións autorizadas. Ademais, para poder practicar a pesca da anguía na desembocadura do Ulla, a única arte permitida será a 'nasa-voitirón', cun tamaño de malla non inferior a 14 milímetros e un límite de 10 artes por tripulante, que serán como máximo tres por tripulación.
Así mesmo, explicou que as nasas deberán ser levantadas e revisadas diariamente e, se procede, o seu baleirado deberá realizarse canto antes para evitar a morte das capturas accidentais. En canto ao horario autorizado para a actividade, estenderase desde as 12,00 horas do luns ata as 12,00 horas do sábado.
A Xunta lembrou que a pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas de desembocadura dos ríos galegos. No caso concreto do Ulla, o plan de aproveitamento da especie para 2022 autoriza a faenar en tres zonas: o tramo comprendido entre a ponte de Catoira e a liña que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro, á que se une esta última recta imaxinaria coa que conforman Praia Longa e Punta Seveira, e o tramo que conecta esta última parte coa delimitación que establecen Punta Seveira e Punta Rebordexo. Tamén se inclúe, como continuación, o bordo da Illa de Cortegada, ata o faro de dique de Carril.
A partir do 1 de abril, o plan de aproveitamento da anguía autoriza faenar á Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Carril, que conta con 11 embarcacións e un total de 24 tripulantes; e a Confraría de Pescadores Virxe do Carmen de Rianxo, que dispón de sietebarcos e 13 persoas autorizadas para desempeñar a actividade.
Tamén detallou que a comercialización das capturas levará a cabo na lonxa, estando obrigados os participantes no plan a entregar a totalidade dos exemplares e, mensualmente, remitir ao Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra os xustificantes de venda acompañados dos datos de captura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.