Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 21/03/2023 | Actualizada ás 12:16
Galicia superará esta semana as 10.000 vistas suspendidas pola folga de letrados xudiciais, segundo datos achegados polo colectivo, que confía nun achegamento de posturas na reunión convocada o mércores co Ministerio de Xustiza.
En declaracións a Europa Press, Fernando Santiso manifestou que o seguimento se mantén como desde o inicio da folga, o pasado 24 de xaneiro, e con miles de procedementos suspendidos.
"A cuestión é que as demandas que se van presentando día a día seguen paradas", dixo sobre as que non se reparten polo Servizo Común de Rexistro cando o seu letrado ou letrada xudicial fai folga ou as que quedan paradas nos xulgados polo mesmo motivo. "Son miles", recoñeceu.
Só citando o caso do partido xudicial da Coruña, indicou que son "máis de 7.000 demandas pendentes de repartir", ao que suman "máis de 30.000 escritos". "O número de procedementos xudiciais parados só no partido xudicial da Coruña supera os cen mil", engade como exemplo.
Mentres, sitúa o seguimento da folga, de acordo cos datos que lles achega a Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nun 68% en Galicia. Por provincias, na da Coruña, un 72%; na de Ourense, un 75% e nas de Lugo e Pontevedra, entre un 55 e un 60 por cento.
REUNIÓN
Neste contexto, asegura que o colectivo confía en que, nunha situación que, admite, é "complexa", poida haber un achegamento co Ministerio de Xustiza para chegar a un acordo nunha cuestión que os letrados xudiciais vinculan co cumprimento dun acordo xa subscrito e coa "adecuación salarial".
Por iso, engade, suspenderon a protesta prevista o sábado ante a sede do PSOE en Ferraz ou a que todos os mércores celebraban ante a Delegación do Gobiero en Galicia. "Non hai outra solución que o acordo", sentenciou, á vez que destacou a presenza do Ministerio de Facenda na reunión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.