Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2023 | Actualizada ás 13:08
A delegación galega da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), que promove unha folga indefinida para a partir do 11 de abril, carga contra o actual modelo de sete áreas sanitarias coas estruturas organizativas de xestión integrada (EOXI) do Servizo Galego de Saúde (Sergas), porque é un dos motivos que "afundiron" a sanidade pública na Comunidade.
Con todo, ao ser preguntado polos medios de comunicación sobre estas críticas nun acto en Santiago, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reivindicou que o sistema "integrado" das EOXI é "o adecuado", aínda que están "abertos a facer os axustes que se precisen".
En concreto, CESM Galicia emitiu este martes un comunicado para denunciar que a creación das EOXI en 2011 foi "un erro maiúsculo", porque supuxo "concentrar todo o territorio en sete grandes áreas sanitarias cunha xestión unitaria de todos os recursos" e con "orzamentos únicos".
Outro "gran erro" que cometeu coa Xunta nos últimos 12 anos e que, segundo o sindicato, é un dos motivos que leva á folga, consistiu na "politización dos directivos" do Sergas, concretamente dos xerentes das áreas sanitarias. "Estes xerentes políticos con mando en praza rodeados dun equipo de 18 ou 20 profesionais con nomeamentos de libre disposición, non por méritos, estenderon esta sistemática de nomeamentos á maioría dos mandos intermedios da organización", afea.
O terceiro detonante, engade o CESM Galicia, foi a "nefasta política de recursos humanos" da Consellería de Sanidade, porque "sempre imperou unha actitude agresiva e un mandar sen escoitar cara aos traballadores". En resumo, un "acoso laboral en toda regra".
RESPOSTA DO CONSELLEIRO
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade defendeu o modelo de EOXI porque é o que "teñen outras comundiades autónomas" e "facilita a coordinación e traxectoria dos pacientes". "Os pacientes non son de Atención Primaria ou de hospital, son pacientes do sergas", argumentou.
Ademais, sobre a convocatoria de folga, Julio García Comesaña remitiuse ao diálogo que mantén o seu departamento cos sindicatos que si están presentes na Mesa Sectorial --non é o caso de CESM-- e cos que mantén unha "relación moi fluída e constante".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.