Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2023 | Actualizada ás 16:46
A CIG espera que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ordena ao Consello Galego de Competencia sancionar a Monbus e Alsa por indicios de repartirse o mercado do transporte por estrada sirva para "pór cordura" no sector e así "reverter a peor situación que vive na súa historia".
Nun comunicado emitido este mércores tras coñecerse a resolución do Alto Tribunal galego, o responsable de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, cualificou de "incrible" que a Xunta "permita, promova e ampare" actuacións empresariais como as censuradas pola xustiza na sentenza, que considera que existen indicios de que as dúas compañías actuaron en conivencia para repartirse o mercado a través da creación dunha Unión Temporal de Empresas coa que concorreron a varios contratos de transporte por estrada.
A CIG lembrou que estas prácticas xa motivaron a presentación de queixas ante a mesa de contratación da Consellería de Mobilidade e de denuncias a Competencia que foron arquivadas. "Agora, anos despois e cun sector sumido no caos, o propio TSXG ordénalle á Comisión Galega da Competencia que abra un expediente sancionador a Monbus e Alsa e investigue o que no seu día o que non quixo investigar", engadiu.
Así pois, espera que se chegue "ao fondo" da cuestión para determinar "se realmente existiu conivencia" entre Monbus e Alsa para repartirse contratos "e quedar con algúns dos lotes máis rendibles", entre os que citou a liña Vigo-Ferrol, adxudicada a Monbus, e o transporte metropolitano da Coruña, co que se fixo Alsa.
Neste sentido, a central nacionlista subliñou que Monbus "tentou pór en práctica" a "manobra" de presentarse a ofertas en UTE en Aragón "pero o Goberno autonómico non o consentiu por entender que supuña unha fraude".
Así pois, instou á consellería que dirixe Ethel Vázquez a deixar de "porse de perfil", abandone "a súa política de protección a Monbus" e deseñe un novo plan de transporte "que realmente atenda as necesidades de mobilidade" de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.