Por Galicia Confidencial | Galicia | 23/03/2023 | Actualizada ás 21:25
A ONGD galega Agareso denuncia a existencia dun nivel elevado de racismo e machismo entre o alumnado de Secundaria e cuantifica a presenza de estereotipos e de discurso de odio nos centros de ensino cos resultados dun estudo elaborado pola consultora especializada Wayna. Foi a partir das respostas ofrecidas por 301 alumnos e alumnas de tres Institutos de Educación Secundaria de distintas localidades galegas dentro do proxecto Xeración Contrainfo, que conta co financiamento da Xunta de Galicia.
Así, o 40% do alumnado define as persoas brancas como intelixentes e o 48% como boas estudantes fronte, por exemplo, ao 19% e 17% respectivamente das persoas de etnia xitana ou ao 26% e 26% das persoas árabes. Así, só o 18% dos comentarios que o estudantado adica ás persoas brancas poden ter matices negativos.
No outro lado da balanza, a poboación de etnia xitana é a que recibe unha maior porcentaxe de comentarios que teñen como base un estereotipo (o 85%). Máis da metade dos comentarios adicados ás persoas árabes son, tamén, negativos empregando, de xeito recorrente, palabras terrorismo (23%), machismo (19%), homofobia ou pobreza. Pobreza é a palabra máis utilizada para referirse ás persoas negras, xunto con fronteiras, traballo e dereitos humanos.
Para referirse ás persoas latinas, o alumnado emprega palabras como festa, música e baile, pero tamén “pandillas”, violencia e drogas. As verbas mudan cando describen as mulleres latinas, incorporando conceptos vencellados coa hipersexualización. De feito, o 31% do alumnado percibe que as mulleres latinas teñen maior probabilidade de exercer a prostitución.
Esta idea evidencia a presenza dun claro estereotipo racista e machista que leva aparelladas algunhas das actitudes e conductas denunciadas con frecuencia por este colectivo: cousificación, acoso sexual e agresións á liberdade sexual sufridas polas mulleres do colectivo dende a infancia.
O CALDO DE CULTIVO
Segundo Agareso, As ideas racistas e sexistas que reflicte o alumnado galego parten dun imaxinario social compartido, tanto polas comunidades educativas dos centros como polas familias, os medios de comunicación e as redes sociais.
Porén, o estudo destaca que o 44% do alumnado consultado asegura que as ideas que teñen sobre persoas de diferentes colectivos e culturas son "ideas propias", construídas de xeito autónomo por eles e elas.
Para a entidade galega, resulta especialmente preocupante comprobar que o alumnado galego non ten a capacidade de identificar o contido discriminatorio que recibe diariamente a través das redes e considera urxente e necesario intensificar a alfabetización mediática da rapazada.
Finalmente, o estudo recolle a opinión do alumnado con respecto a tendencias sociais como os avances en materia LGBTIQ+, algo que a metade do alumnado etiqueta como positivo, ou o fortalecemento do movemento feminista, que o 18% do alumnado consultado considera negativo. Ademais, o 60% do alumnado afirma que se están a incrementar o machismo e os discursos e actos racistas, o que un 21% delas e deles pensa que é algo positivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.