'Burla Verde', ou como facer ver o dano que non contan das eólicas

Artistas de diversas disciplinas comezan unha nova vía de expresión contra a instalación desmedida de polígonos eólicos. Recollendo o espírito da 'Burla Negra' nace a 'Burla Verde' para concienciar sobre a beleza vital dos montes fronte á implantación indiscriminada de aeroxeradores por parte das grandes eléctricas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 24/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

'Burla Verde' é unha acción fronte a invasión dos polígonos eólicos en toda Galicia. O 29 de abril convoca unha serie de actos no curro de Sabucedo, A Estrada, onde se xuntarán, entre outros, grupos como a asociación Alarma Terra de Montes, a asociación Rapa das
Bestas de Sabucedo, o Colectivo do Vento, a asociación SOS Suído Seixo e o colectivo
de Rousmeri Caroi. A necesidade da unión de forzas entre os movementos asociativos contrarios ao actual plan eólico empurrou a varias persoas de dentro do mundo da arte e outros segementos, a buscar unha confluencia que permita pór freo ao que vén como un elemento expoliador e destrutivo no monte.

Percorrido de Burla Verde nos montes de Cádavo e Montouto
Percorrido de Burla Verde nos montes de Cádavo e Montouto | Fonte: Burla Verde

'BURLA VERDE'

Buscamos que persoas e colectivos de diferentes partes e involucrados na defensa dos montes, poidan coñecerse e participar en mesas redondas onde espoñer as disintas problemáticas que os afectan” describe Paulo Vicente, quen preside a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo. Así, o 29 de abril, se todo sae como está previsto, aparecerán sinerxías encamiñadas á construción dunha fronte ampla de movementos cidadáns.

A reunión do 29 de abril busca tamén recadar fondos para a elaboración de estudos técnicos sobre impacto ambiental por parte das asociacións” debido a que os informes elaborados polas empresas “deixan moitos elementos fóra como humidais, especies endémicas ou danos patrimoniais” declara Paulo Vicente.

Previamente, o día 18 de marzo doce fotógrafos e fotógrafas e un documentalista participaron nunha acción “artivista”. Mesturando a arte co activismo estas persoas percorreron os montes do Cádavo e Montouto, lugares onde está proxectada a instalación do polígono eólico Parque Touriñan III-2 e Campo das Rosas. “Queremos mostrar o monte mediante a mirada e o son, crear conciencia mediante as sensacións dun día calquera no monte e así mostralo tal como é” di Xoán Enríquez, un dos coordinadores desta acción chamada 'O devalar do monte galego'.

Participantes en 'O devalar do monte galego'
Participantes en 'O devalar do monte galego' | Fonte: Burla Verde

“O monte é un ser, debemos presentar iso á xente e descubran por eles e elas mesmas que as instalacións de eólicos romperá un equilibrio ou unha forma de vida” quere deixar claro Enríquez. Durante o proceso cada fotógrafo estivo acompañado por guías da zona que foron “contando historias” relacionadas con regatos, nacementos de auga, bosques e outros espazos conformadores do ser chamado “monte”.

A HISTORIA QUE SE REPITE

O desastre do 'Prestige' mobilizou diversos sectores sociais e un deles foi o dos artistas e creadores agrupados en 'Burla Negra'. Coa pretensión de avisar á sociedade das consecuencias negativas dos eólicos sobre os montes galegos naceu a 'Burla Verde' coa clara intención de “levar os traballos feitos polos fotógrafos e videoartista ao festival do día 29 de abril e que estas imaxes sirvan para chamar a atención das autoridades para que tomen conciencia” di Paulo Vicente. Ademais, a exposición das diferentes imaxes tamén buscaría a mobilización das persoas levando actos de protesta alí onde “haxa problemas cos aeroxeradores”.

“O que sucede coa enerxía renovable non é normal, estamos sendo terra barata para as empresas eléctricas, alugan por catro céntimos as terras” remarca Carolina Fernández, artista e agora tamén comuneira de montes. “Deberan ser os políticos, as empresas, os medios quen solucionasen isto, mais como non é así, nacen iniciativas mediante colectivos sociais” e isto supón “investir moito do teu tempo persoal”.

Durante a marea negra de 2002 houbo especies mariñas e terrestres afectadas polo petróleo vertido. “Agora instalan muínos no alto dos montes onde nacen os regatos que levan auga ás casas, os bosques e a parte inmaterial que se pode perder” di a fotógrafa Rosa Neutro. “Ti observas todo iso e cando ves eses terreos pensas en como abrirán as pistas para subir o material, como alterará o ruído a paisaxe sonora e como se destruirá vexetación”

As accións pensadas para o día 29 de abril irán encamiñadas para dar a coñecer movementos veciñais e sociais que non estean de acordo co sistema de produción eólica actual. Alí poderase ver a exposición de fotografías e imaxes gravadas o 18 de marzo no Cádavo e Montouto que, segundo explicou Xoán Enríquez, podería acabar en diferentes exposicións a partir dos meses de xuño e xullo. Por outra parte, algúns concellos como Campo Lameiro xa se declararon terreo libre de eólicos.

Percorrido de Burla Verde nos montes de Cádavo e Montouto
Percorrido de Burla Verde nos montes de Cádavo e Montouto | Fonte: Burla Verde
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta