Por E.P. | Ourense | 24/03/2023 | Actualizada ás 16:48
A Deputación de Ourense e o Concello de Baltar colaborarán na construción dunha residencia para maiores, proxecto que será unha realidade tras a reforma da antiga casa reitoral do municipio.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde, José Antonio Feijóo, asinaron na Casa da Cultura un convenio polo que o goberno provincial comprométese a financiar con cargo aos orzamentos de 2024 e 2025 as obras deste centro, en cooperación coa Consellería de Política Social.
Tras a firma do convenio, Baltar incidiu en que se trata dun proxecto que sairá adiante grazas a unha nova mostra de colaboración entre administracións, xa que tamén se sumará a Xunta, axudando a "facer posible unha demanda axustada ás necesidades do concello co mellor comportamento demográfico da comarca da Limia".
O ALCALDE, "ILUSIONADO"
Acompañado por concelleiros do equipo municipal e veciños que acudiron ao acto de firma do convenio, José Antonio Feijóo dixo sentirse "ilusionado por plasmar nun documento esta necesaria obra".
Esgrimiu que o concello ten un amplo colectivo de persoas maiores, das que preto dun centenar viven soas e cunha gran dispersión, polo que hai que "garantirlles unha boa acollida e un servizo de calidade na futura residencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.