Estes son os catro alicerces principais da Lei de Familias

Entre algunhas das medidas está a equiparación dos dereitos entre parellas de feito e matrimonios ou un permiso de 5 días para o coidado dun familiar

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 27/03/2023 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros aprobará este martes, en segunda lectura, a Lei de Familias que equipara os dereitos das parellas de feito aos dos matrimonios, inclúe un permiso retribuído de cinco días ao ano por coidado dun familiar ou conviviente e estende os beneficios de familias numerosas a monoparentais con dous fillos. O texto aprobarase sen cambios substanciais, segundo confirmaron a Europa Press fontes gobernamentais.

O anteproxecto de lei de Familias foi aprobado en primeira lectura o pasado mes de decembro, a proposta do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Tras a súa aprobación este martes en segunda volta, remitirase ao Congreso dos Deputados onde se solicitará a súa tramitación pola vía de urxencia.

O texto articúlase ao redor de catro alicerces principais: a ampliación da protección social ás familias e o apoio á crianza; avanzar na garantía do dereito á conciliación; o pleno recoñecemento dos distintos tipos de familias que xa existen en España, e o recoñecemento e protección dos dereitos dos nenos e adolescentes.

En canto á ampliación da protección social ás familias, estenderase a renda crianza de 100 euros ao mes para un maior número de familias con fillos e fillas de 0 a 3 anos. Segundo os cálculos do departamento, esta medida beneficiará a unhas 250.000 novas nais en España.

Así mesmo, créase a denominación de 'Familias con maiores necesidades de apoio á crianza' na que se inclúe ás "familias numerosas", ademais das monomarentais con dous fillos; as familias con dous fillos onde un ascendiente ou descendente teña discapacidade; as familias con dous fillos encabezadas por unha vítima de violencia de xénero ou por un cónxuxe que obtivese a garda e custodia exclusiva sen dereito a pensión de alimentos, e as familias con dous fillos na que un proxenitor estea en tratamento hospitalario durante un ano ou ingresase en prisión.

Doutra banda, pasarán a considerarse familia con maiores necesidades de apoio á crianza "de categoría especial" as familias que ata agora eran consideradas numerosas de categoría xeral como aquelas con catro fillos, no canto de cinco como ata o momento; as familias con tres fillos en caso de parto múltiple, no canto de catro como na actualidade, e as familias con tres fillos e baixos ingresos (ata o 150% do IPREM).

Respecto da garantía do dereito á conciliación, a lei crea tres permisos de coidados, o primeiro deles, un permiso por coidado de cinco días ao ano, retribuídos, para atender a un familiar ata segundo grao ou conviviente, que os traballadores ou traballadoras poderán utilizar en caso de accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que necesite repouso.

Tamén inclúe un permiso parental de oito semanas, que se poderán gozar de forma continua ou descontinua, ata que o menor cumpra oito anos; e un permiso de catro días por ausencia para atender a un familiar que requira atención inmediata, que se poderá gozar por horas.

15 DÍAS DE PERMISO PARA PARELLAS DE FEITO

Sobre o recoñecemento dos distintos tipos de familias, a lei avanza na equiparación de dereitos entre os matrimonios e as parellas de feito, posto que estas últimas terán acceso aos 15 días de permiso por rexistro equiparables ao matrimonio.

A lei xera así mesmo un novo marco de recoñecemento e protección para as familias LGTBI, con algún membro con discapacidade, familias múltiples, reconstituidas, adoptivas ou acolledoras.

En concreto, as familias múltiples, é dicir, aquelas que teñen varios fillos ou fillas á vez, serán consideradas como colectivo de especial protección e os fillos e fillas de parellas non casadas poderán ser inscritos no rexistro polo proxenitor non gestante.

O texto aprobado en decembro tamén prohibía que os pais e titores impidan o acceso a contidos sobre diversidade familiar a través do coñecido como 'PIN parental' ou de calquera outro mecanismo similar nos centros educativos.

Familias de refuxiados ucraínos visitan a exposición 'AI: More than Human' na Coruña. MIGUEL RIOPA
Familias de refuxiados ucraínos visitan a exposición 'AI: More than Human' na Coruña. MIGUEL RIOPA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta