Por E.P. | OURENSE | 28/03/2023 | Actualizada ás 18:45
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou este luns que a provincia se converterá nun "referente estatal na formación de profesionais" anti incendios grazas á posta en marcha do Centro Integral de Loita contra o lume, situado en Toén. As instalacións están promovidas pola Xunta e contan co apoio da Deputación.
O conselleiro de Medio Rural, José Gónzález, e Manuel Baltar visitaron o complexo con motivo da inauguración das novas pistas de adestramento para vehículos todoterreo e motobombas, un acto que incluíu a entrega de 13 vehículos ao Servizo de Prevención e Extinción de Incendios, catro para a provincia de Ourense.
Durante o acto, Manuel Baltar cualificou o centro como "un proxecto con visión estratéxica", referendando a colaboración da Deputación "en todas aquelas iniciativas que melloren a provincia e sexan de interese xeral para Ourense". Como exemplo, citou o Centro Galego de Innovación de FP.
Tamén se referiu Baltar ao compromiso da Deputación na loita contra os incendios, subliñando que "non só se pon á disposición da Xunta a maquinaria da deputación nos labores de extinción", senón que tamén adquiriron tractores con maquinaria para que os concellos podan facer traballos de prevención.
Pola súa banda, José González destacou a colaboración entre a Xunta e a Deputación de Ourense á hora de traballar para anticiparse aos lumes e citou acordos como os convenios recentemente asinados entre a consellería, o Goberno provincial e 13 municipios para a dotación de maquinaria de prevención de incendios forestais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.