Por Europa Press / Redacción | Galicia | 30/03/2023 | Actualizada ás 17:30
Galicia está entre as comunidades autónomas con maior incidencia de cancro de colon, con 2.925 novos casos en 2022, segundo datos da Asociación Española contra o Cancro que, do mesmo xeito que a Xunta de Galicia, apela á prevención. E é que nove de cada dez persoas sobrevivirían cunha detección precoz.
Os principais factores de risco asociados ao cancro de colon son a idade, o sedentarismo, unha mala alimentación, o consumo de tabaco e alcol. En canto ao número de defuncións, os tumores colorrectais ocupan o segundo posto, por detrás dos tumores pulmonares. O pasado ano producíronse 1.122 defuncións en Galicia, segundo datos da Asociación Española contra o Cancro.
Respecto diso, lembra que as probas de cribado poboacional están implantadas na súa totalidade para a poboación diana, "pero os datos da Xunta de Galicia indican unha participación global do 45,42%, sempre maior entre mulleres (48,79 % mulleres fronte a 41,74 % homes) de 2013 a 2021".
Tamén sinala que, co obxectivo de alcanzar o 70% de supervivencia en 2030, a iniciativa 'Todos Contra o Cancro', busca traballar en aspectos como a prevención, a investigación e na detección precoz "xa que mellora o prognóstico do 30% dos casos de cancro".
PROGRAMAS PREVENTIVOS
Estes datos achegáronse con motivo do Día Mundial para a Prevención do Cancro de Colon, que se conmemora este venres. Ao fío desta conmemoración, a Xunta incide na importancia de participar no conxunto de programas de detección precoz que organiza a Consellería de Sanidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.