Por E.P. | A Coruña | 30/03/2023 | Actualizada ás 17:33
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Teo, Rafael Sisto, asinaron un convenio de colaboración para a construción dun novo centro de saúde no municipio.
No convenio, a Administración autonómica asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, mentres que o concello adquire o de realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela, que contará con aproximadamente 10.460 metros cadrados, ademais de asumir a exención do IBI e dar á obra a consideración de especial interese municipal.
A dispersión actual da actividade asistencial en catro centros de dimensións reducidas dificulta a planificación de persoal tanto na dotación como nas substitucións, e faise necesario poder contar cun centro de saúde que tamén teña capacidade para poder incrementar a carteira de servizos, incorporando saúde bucodental, apunta a Xunta.
Aínda que inicialmente se prevía que o novo centro substituíse aos actuais de Cacheiras e Os Tilos, despois de manter unha reunión coa área sanitaria, o goberno local e os grupos políticos representados na corporación, chegouse ao acordo de cambiar a decisión e que o novo proxecto substitúa aos actuais centros de Cacheiras e Pontevea.
O novo centro de saúde finalmente construirase no lugar da Ramallosa, localización que se considera a mellor para poder atender á poboación dependente dos dous centros que se substituirán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.