Por Europa Press / Redacción | Galicia | 31/03/2023 | Actualizada ás 14:05
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) de Galicia recibiu ao longo do ano 2022 un total de 106.339 doazóns de sangue, unha cifra lixeiramente superior ao 2021 pero que aínda se atopa por baixo da de 2019, ano anterior á irrupción da covid-19 no que se superaron as 109.000.
As 106.339 achegas supuxeron un pequeno avance do 0,04% con respecto ao 2021 e permitiu superar a barreira das 3 millóns realizadas en 30 anos. De todas elas, 99.948 foron de carácter ordinario, ás que se suman outras 6.391 por aférese, é dicir, con separación de cada un dos compoñentes do sangue.
Por provincias, a que alcanzou a maior taxa foi A Coruña, con 44 por cada 1.000 habitantes a pesar de rexistrar 49.129 doazóns en todo 2022, menos que o ano inmediatamente anterior. En cambio, a de Pontevedra alcanzou as 42 por 1.000 e incrementou en 2.000 as achegas anuais, ata as 39.430.
Ourense e Lugo rexistraron cifras menores. Os ourensáns acudiron menos a doar en 2022, con 9.659 en total (32 por 1.000 habitantes), mentres que os lucenses continúan á cola a pesar dun lixeiro aumento ata as 8.121 doazóns (25 por 1.000).
"CONCELLOS ESTRELA"
A directora de ADOS quixo destacar os datos alcanzados polos chamados "concellos estrela", que son aqueles que en cada provincia teñen as maiores taxas: Padrón (A Coruña) con 93 doazóns por cada 1.000 habitantes, Pontecesures (Pontevedra) con 70 por cada 1.000, A Pobra de Trives (Ourense) con 67 e Meira (Lugo) con 54.
As sete cidades alcanzaron o 46,5% das achegas totais rexistradas polo Sergas. Resalta especialmente Santiago de Compostela, en primeiro lugar cunha taxa de 102 por 1.000 habitantes. Séguenlle, aínda que de lonxe, Ferrol (51 por 1.000), Pontevedra (49), Vigo (48), Ourense (44), A Coruña (43) e Lugo (33).
MAIORÍA HOMES POR "MOTIVOS FISIOLÓXICOS"
En canto ao perfil do doante en Galicia, Marisa López detallou que o 53,2% son homes e o 46,8% son mulleres, aínda que hai que ter en conta que esta diferenza se debe a "motivos fisiolóxicos".
Ademais, a responsable da Axencia de Doazóns puxo o foco en que o 54% dos doantes está no grupo de 43 a 65 anos. En cambio, en torno ao 10% están entre os 18 e os 22, polo que fixo un chamamento a favorecer a "incorporación" dos máis novos.
Por grupos sanguíneos, o 38,6% das achegas son do A+, que é o que máis prevalece na Comunidade galega, seguida de 0+ co 36,3%. Precisamente, esta última tipoloxía é a máis necesaria nestes momentos, segundo comentou López, quen aproveitou para facer unha chamada á solidariedade nesta Semana Santa, que "sempre é unha época complicada".
DOAR CON MÁIS DE 65 ANOS?
Non en balde, a directora de ADOS explicou que, dada a "boa saúde e forma física" dos xubilados galegos, a Xunta avoga por recoller nas recomendacións acordadas a nivel estatal a posible prolongación dos doantes máis aló dos 65 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.