Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2023 | Actualizada ás 18:47
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitario (Agamfec) considera que o programa de citas XIDE (xestión integral da demanda en equipo) implantado pola Consellería de Sanidade "vai, en teoría, na boa dirección" ao "facilitar a distribución da demanda axustando o motivo de consulta ao profesional máis apropiado, no tempo e forma óptimos", pero matizan que "na práctica non resulta eficiente".
Nun comunicado, a asociación achaca esta falta de eficiencia á intención do departamento autonómico "de facelo a custo cero". "Para implantar un programa así hai que multiplicar o número de administrativos (PSX), hai que formalos, e elevar o teito competencial de todas as categorías profesionais. Ten que dar resposta á totalidade das chamadas, non só á sobredemanda. Se temos axendas saturadas con citas ineficientes conseguidas por Internet ou polas centrais de chamadas, o programa é un parche, non unha solución", argumentan.
Apuntan que o XIDE debe "adaptarse" ás citas solicitadas telematicamente e a través das centrais de chamadas. Ademais, sinalan, este investimento debería incluír reformas nos centros. "Preguntar por certos motivos de consulta require dun espazo que garanta a intimidade que hoxe non existe en ningunha área administrativa dos centros de saúde", afirman.
"A conclusión é a mesma de sempre: necesitamos organización e accesibilidade, pero con investimento en infraestruturas, en persoal e en formación. A Atención Primaria non pode seguir sendo a irmá pobre e a importancia que se lle quere dar ten que ter reflexo orzamentario para ser crible", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.