O PSdeG quere converter a Praza de Touros de Pontevedra nun centro de actividades culturais

Ademais aposta por poñer en marcha un Bono Cultural e erixir unha Fábrica Cultural cun pequeno auditorio.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 02/04/2023 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

Implantar un Bono Cultural, potenciar o uso da Praza de Touros para actividades culturais, crear unha nova Biblioteca Pública e erixir unha Fábrica Cultural cun pequeno auditorio, unha caixa de teatro ou unha sala de ensaio e oficinas de empresas culturais. Son as principais propostas de Iván Puentes, candidato socialista á Alcaldía de Pontevedra.

Iván Puentes quere facer de Pontevedra un gran referente cultural
Iván Puentes quere facer de Pontevedra un gran referente cultural | Fonte: remitida

As propostas foron presentadas no marco do faladoiro 'Hoxe falamos de... Cultura', celebrado nos Soportais da Ferrería e no que o candidato do PSOE á Alcaldía e a número 6 da súa lista electoral, a profesora e artista Carmen 'Tita' Hermo, conversaron co público asistente sobre as súas principais demandas, necesidades e ideas en materia cultural.

O programa dos socialistas tamén contempla o deseño dun mapa ou atlas cultural, o fomento da imaxe de Pontevedra como 'fervedoiro cultural', a posta en marcha dun Noites Abertas Sénior, a inclusión da cidade no roteiro dos grandes espectáculos musicais, a celebración dunha Bienal de Fotografía e dun Festival de Teatro Valle Inclán e a descentralización cultural, levando as actividades culturais a tódolos barrios e parroquias.

Entre as ideas debulladas por Puentes e Hermo incluíronse a creación dun Centro de Interpretación do Camiño Portugués a Santiago, unha App da Axenda Cultural mantida e actualizada pola Concellería de Cultura, a posta en valor da Illa das Esculturas, a sinatura dun convenio de colaboración coa Facultade de Belas Artes para a promoción dos artistas locais e a celebración dun Certame Anual de Gaming na Rúa e dunha Liguiña de Videoxogos

"Pontevedra ten unha grande tradición cultural e, historicamente, é a cidade galega na que confluíron eventos internacionais como a Bienal de Arte, a única facultade de Belas Artes da comunidade e festivais internacionais de poesía, música ou cine, e sen embargo non é considerada unha cidade cultural", dixo Puentes no acto. "Queremos potenciar as fórmulas que funcionan ou funcionaban baixo unha mirada experta", engadiu.

Carmen Hermo fixo fincapé na importancia de acadar "unha diversificación cultural e de incorporar aos maiores a esta oferta", así como de "lograr unha profesionalización a través das achegas de industrias culturais en forma de obradoiros de teatro, coros, acuarela, fotografía...". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta