Ferido un home atropelado por un coche que se saíu da vía e caeu ao río na Pobra do Caramiñal

Tamén envorcou un coche en Teo e caeu outro por un desnivel en Porto do Son

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2023 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

Un home resultou ferido ao ser atropelado por un coche despois de saírse da vía e precipitarse desde unha ponte ao río na Pobra do Caramiñal. Segundo informou o 112, os dous ocupantes, despois de precipitarse desde a ponte, conseguiron saír polos seus propios medios do interior do vehículo e abandonaron o lugar.

Os feitos sucederon na Ponte de San Antonio, na DP-6703, á altura da praia dos Areos, na Pobra do Caramiñal. Ás 17,45 horas deste domingo, varios particulares chamaban ao 112 Galicia para informar os feitos. Segundo a información facilitada, o vehículo, tras dar varias voltas de campá atropelou a un home, deixándoo ferido, danou o valado da ponte e finalizou no río.

Ata o punto acudiron, nada máis ser informados polo 112 Galicia, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Ribeira, os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Os bombeiros comunicaron ao 112 Galicia, que a persoa atropelada xa fora evacuada polos servizos sanitarios ao Hospital do Barbanza, e, a esta hora, espérase por un guindastre para retirar canto antes o coche do río e evitar que a perda de combustibles, debido ao impacto, poida causar algún tipo de dano.

CAE UN COCHE POR UN DESNIVEL EN PORTO DO SON

Tamén, ao redor das 17:15 horas, o 112 Galicia recibía o aviso doutra persoa particular que informaba dun coche precipitado por un desnivel despois de saírse da vía, na AC-550, punto quilométrico 84-85, en Nebra, no concello de Porto do Son. Aseguraba que a condutora, única ocupante, estaba consciente e totalmente liberada e accesible.

Con todo, o servizo puxo os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes de Tráfico, da Policía Local, dos membros do GES de Noia, dos Bombeiros de Ribeira e dos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Porto do Son. Igualmente, foron informados o persoal do servizo de mantemento da vía.

Un axente da Garda Civil
Un axente da Garda Civil | Fonte: Garda Civil

ENVORQUE EN TEO

Un vehículo saíuse da vía este domingo e envorcou na AP-9 ao seu paso polo concello coruñés de Teo. O condutor do mesmo resultou ileso.O accidente tivo lugar ás 17,20 horas, no punto quilométrico 83, á altura da parroquia de Calo. O vehículo circulaba dirección A Coruña cando se saíu da vía e envorcou, saltándose a mediana. Foi o propio implicado o que deu a voz de alarma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta