Por Galicia Confidencial | Santiago | 07/04/2023 | Actualizada ás 12:53
A portavoz de Facenda do grupo parlamentario socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, solicita á Xunta que retire o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional contra o imposto ás grandes fortunas, e critica a "fiscalidade insolidaria" do Goberno galego, preocupado de "protexer a calquera costa aos máis ricos mentres castiga ás familias que teñen menos recursos".
Rodríguez Rumbo informa nun comunicado da presentación dunha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que retire o citado recurso contra un imposto temporal deseñado para gravar ás fortunas de máis de 3 millóns de euros durante os exercicios 2022 e 2023.
Esta decisión, sinala a socialista, vai na liña dos beneficios fiscais que vén de aplicar o Goberno galego "para favorecer ás persoas que máis ingresos teñen, aumentando as bonificacións á cota do imposto sobre o Patrimonio ata o 50 % para os patrimonios de máis de 1 millón de euros".
Criticou que estas decisións "coinciden" coa retirada da Tarxeta Básica de axudas para produtos de hixiene, supermercado e farmacia a quen máis o necesita.
"Este recurso, unido ao paraugas social despregado polo Goberno de Pedro Sánchez, evitou que 127.000 persoas estivesen en risco de pobreza en Galicia en 2021, mentres o incremento das bonificacións ao Patrimonio supuxo un agasallo de 4.500 euros para 7.700 galegos e galegas que máis teñen".
A parlamentaria socialista sostén que "aquelas persoas que máis teñen deben contribuír un pouco máis en momentos difíciles para dar cumprimento ao mandato constitucional da progresividade na carga impositiva".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.