Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2023 | Actualizada ás 17:35
A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval protagonizarán a próxima semana o espectáculo 'Quentando motores para Atlántica', un adianto da undécima edición do encontro de narración oral que se celebrará en xullo en Compostela.
A cita con estes dous mestres dos contos será o próximo 18 de abril no Salón Teatro de Santiago, ás 20,00 horas, un espectáculo para o que xa están á venda as entradas na web de Eventbrite ao prezo de 8 euros.
Cadaval e Rueda, referentes na narración oral dos seus respectivos países, coñecéronse no 2002 en Lima, no festival 'Déixame que che conte'. Desde entón atopáronse en numerosos eventos, nalgúns dos cales compartiron palco e público.
'Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral' naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela e coa clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.