‘Primavera de portas abertas’ na Ruta do Viño de Valdeorras

As xornadas, que mergullarán ao visitante en Valdeorras, desenvolveranse do 5 ao 7 de maio e contemplan actividades de carácter turístico, cultural, gastronómico e deportivo.

Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 13/04/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Ruta do Viño de Valdeorras poñerá en marcha a XII edición das Xornadas de Portas Abertas a fin de semana comprendida entre o venres 5 e o domingo 7 de maio. Por certo, este ano pasarán a denominarse “Primavera de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras”.

Presentación das actividades da Ruta do Viño de Valdeorras 2023. Foto cedida.
Presentación das actividades da Ruta do Viño de Valdeorras 2023. Foto cedida.

Segundo explica o presidente da entidade dinamizadora, Joaquín Sánchez, “trátase dunha fin de semana ideal para mergullarse de xeito integral nun territorio amparado que ofrece aos visitantes un amplo abano de activos e recursos naturais, patrimoniais, enolóxicos e gastronómicos para gozar dende o punto de vista turístico”.

Unha das novidades desta edición é unha actividade deportiva que consistirá nunha ruta de eBike de 42 quilómetros para coñecer a Serra da Enciña da Lastra, enclave paisaxístico senlleiro na contorna.

ACTIVIDADES E INSCRICIÓNS

A organización ofrece nesta ocasión unhas quince actividades que poden gozarse en solitario, en parella, en familia ou con amigos/as segundo se prefira e o permita cada acción.

Joaquín Sánchez (arquivo). Foto: Ruta do Viño de Valdeorras
Joaquín Sánchez (arquivo). Foto: Ruta do Viño de Valdeorras

Ademais da ruta de eBike, haberá outras: cantos de taberna con degustación de produtos e viños da zona,  visitas a enclaves de extracción e transformación da pizarra, charlas sobre historia e patrimonio con cata final, andaina por un tramo do Camiño de Inverno, unha merenda entre cepas, visita ao Castelo do Bolo, karaoke entre tapas e viños, paseo entre viñedos e lagares acompañados dun arqueólogo en Larouco, visita ao casco histórico do Barco, etc.

As persoas interesadas poden facer a inscrición para participar nas actividades que se ofrecen a través dos formularios que se atopan na web da Ruta do Viño de Valdeorras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta