Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2023 | Actualizada ás 16:19
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para a creación dunha oficina permanente de Galicia en Suiza para "atender, asesorar e informar" á xente da emigración.
Pontón está de viaxe en Suiza para coñecer, de primeira man, a realidade da colectividade galega neste país, que está integrada por máis de 41.000 persoas, máis dun terzo da poboación de cidades como Lugo, Ourense, Pontevedra ou Santiago e que converte ao estado helvético no que máis emigración acolle de toda Europa procedente de Galicia.
Neste sentido, para "atender as necesidades" deste colectivo que abarca varias xeracións de galegos, Pontón anunciou a presentación dunha iniciativa para crear a oficina de Galicia de forma permanente. "Unha oficina física e permanente, co persoal e medios necesarios para que os nosos emigrantes teñan un lugar de acollida, unha oficina que lles axude no momento da súa chegada a Suíza, na que recibir información e asesoramento e desde a que facer todo tipo de trámites administrativos, con axilidade e co menor custo posible", manifestou.
Acompañada nesta viaxe da eurodeputada Ana Miranda, a portavoz nacional do BNG referiuse a trámites como a xestión de documentación, información laboral, fiscal, legal, de acceso á vivenda; e asesoramento en materia de dereitos e deberes no país de acollida, entre outros como posibles axudas ás que se poidan acoller.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.