Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2023 | Actualizada ás 13:28
A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” avisa de que a central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes emitiu 1,22 millóns de toneladas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) durante 2022, converténdose na maior fábrica de cambio climático de Galicia. A veciña central de carbón, tamén propiedade de ENDESA, foi a terceira industria galega con maior impacto climático.
A seca e o estancamento da potencia renovábel instalada favoreceron que a xeración de electricidade con gas fósil nas centrais de ciclo combinado medrase o 37% en Galicia durante o pasado ano, segundo os datos de Rede Eléctrica de España. Isto fixo que as centrais de gas das Pontes e de Sabón (Arteixo) fosen a primeira e a cuarta maiores fábricas de cambio climático do noso país.
A baixada na produción hidroeléctrica e o parón no desenvolvemento renovábel tamén axudaron a que a produción eléctrica con carbón crecese o 87% con respecto ao ano anterior. Así, as emisións da central das Pontes, que debería ter pechado a mediados de ano, disparáronse até case un millón de toneladas, situándose moi perto do segundo maior emisor, a refinaría de petróleo da Coruña.
A planta de alúmina-aluminio de San Cibrao pasou de ser a maior emisora industrial de gases causantes de cambio climático en 2021 a ser a quinta en 2022, debido ao parón na fabricación de aluminio planificado por Alcoa até 2024.
O atraso na transición enerxética está a propiciar que o caro e contaminante gas fósil ocupe unha parte considerábel do oco deixado pola caída no uso do carbón na produción eléctrica rexistrada a partir de 2019 (2). Por iso, as emisións de gases causantes de cambio climático das centrais de gas das Pontes e de Sabón multiplicáronse por 4 e por 22, respectivamente, entre 2018 e 2022.
Porén, as emisións causantes de cambio climático das centrais térmicas en 2022 foron un 79% inferiores ás de 1990. Polo tanto, en 2022 superouse amplamente o cativo obxectivo da Xunta para 2030 (-54,3%) recollido na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.
Con todo, a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” espera que en 2023 peche definitivamente a central de carbón das Pontes. Ademais, tamén consideran “necesario e factible” o peche das centrais de ciclo combinado a gas fósil antes de 2030.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.