A Xunta acala o malestar dos sanitarios con diñeiro sen solventar o problema de fondo da sanidade

Logo do acordo co colectivo médico, o Sergas pechou a última hora deste xoves outro acordo con CIG, CCOO, CSIF, Satse e UGT para aumentar as retribucións salariais ao resto dos colectivos sanitarios. Nin sindicatos nin Xunta acordaron aumentar o persoal para facer fronte a saturación da Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 21/04/2023 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e os sindicatos CIG, CCOO, CSIF, Satse e UGT, representados na Mesa Sectorial, alcanzaron na noite do xoves un acordo que implicará estender as melloras retributivas das gardas, a nocturnidade e os festivos a outros profesionais na sanidade pública ademais dos médicos.

Este acordo, alcanzado por unanimidade nunha reunión que se estendeu desde as 10,00 da mañá ata as 23,00 da noite, chegou un día despois do que a Administración asinase coa Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) para desconvocar a folga de facultativos que durou nove días, entre o 11 e o 19 de abril.

O acordo foi principalmente retributivo e xerou malestar entre as organizacións que, ao contrario que CESM, si estaban representadas na Mesa Sectorial do Sergas, órgano habitual de negociación das condicións laborais.

Así, o documento asinado o xoves por representantes da Consellería de Sanidade e os outros cinco sindicatos (CIG, CCOO, CSIF, Satse e UGT), ao que tivo acceso Europa Press, implica unha serie de melloras, non só de carácter económico senón tamén de condicións laborais, para persoal sanitario e non sanitario.

O primeiro punto do pacto establece unha subida retributiva de gardas, atención continuada, nocturnidade e festividades, que se aplicarán en Atención Primaria e Hospitalaria, a categorías médicas, especialistas, enfermeiros, auxiliares de Enfermaría, técnicos, celadores e administrativos, entre "todas as demais categorías sanitarias e non sanitarias" implicadas. As melloras tamén afectarán o persoal residente en formación, é dicir, aos MIR.

A xerente do Sergas, Estrela López-Pardo, e a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez, preside a reunión da Mesa Sectorial de Sanidade.. XUNTA
A xerente do Sergas, Estrela López-Pardo, e a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez, preside a reunión da Mesa Sectorial de Sanidade.. XUNTA | Fonte: Europa Press

SINDICATOS "CONTENTOS"

Os sindicatos representados na Mesa Sectorial do Servizo Galego de Saúde (Sergas) está "moi contentos" polo "bo acordo" alcanzado coa Administración na noite do xoves porque, a diferenza do que asinou a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) o mércores, aplicarase a "todo o persoal" da sanidade pública galega, os 43.000 traballadores fixos e temporais máis os residentes en formación.

Así o sinalaron este venres nunha rolda de prensa celebrada en Santiago os portavoces en materia sanitaria de CIG, Manuel González Moreira; CCOO, Javier González; e UGT, Javier Martínez; así como do sindicato de Enfermaría Satse, Malules Carbajo.

Por parte do sindicato de Enfermaría Satse, Malules Carbajo desvelou que a reunión da Mesa Sectorial, foi "moi complicada e moi extensa", xa que se iniciou ás 10,00 da mañá e concluíu 11 horas despois.

INCREMENTOS

O incremento será do 7,9% para as gardas médicas en días laborables e o complemento de nocturnidade. A metade deste aumento aplicarase o 1 de xullo de 2023 e a outra metade será o 1 de xaneiro de 2024. En canto ás gardas de domingos e festivos, así como o complemento de festividade vinculado á atención continuada, subirá un 15,61% que se abonará con efectos do 1 de xaneiro de 2024. Aquí tamén se incluirá, como novidade, a noite dos venres, que se considerará como 'noite pre festiva'.

Ademais, igual que viña recollido no acordo alcanzado con CESM o día anterior para desconvocar a folga, incrementarase a partir do próximo ano ata 37 euros a hora a partir da quinta garda realizada nun mes na Atención Hospitalaria.

Do mesmo xeito, como xa se avanzou en reunións previas, implantarase o complemento de nocturnicidade --que tamén subirá un 7,9% en 2024-- en Atención Primaria para as quendas de tarde e os deslizantes, aínda que as condicións para a súa aplicación concreta avaliaranse na Mesa Sectorial.

CONDICIÓNS LABORAIS

O documento asinado na noite do xoves tamén fala dos descansos e a organización das gardas. En concreto, iniciarase unha análise de datos recibidos polas xerencias para ditar "unha normativa corporativa que vele pola seguridade e a saúde dos traballadores" para garantir "os descansos diarios, destivos e semanais correspondentes ou, no seu caso, alternativos". Os resultados do dito estudo avaliaranse en xuño.

Outra das importantes novidades é unha redución paulatina da xornada laboral ordinaria, que se aplicará a través dos sábados e a partir do mes de xullo de 2023. Iso si, no caso de que esta medida non sexa posible porque xere falta de persoal de Enfermaría, pagarase como xornada complementaria.

A diminución cifrarase nun total de 112 horas para este ano e os dous seguintes: para 2023 será de 21 horas, en 2024 en 49 horas e para 2025, en 42.

NON INCLÚE O COMPLEMENTO ESPECÍFICO

Un dos aspectos que non toca o acordo en Mesa Sectorial e que si reivindicaba a organización convocante da folga --na liña dos colexios de médicos-- era que os facultativos poidan cobrar o complemento específico mesmo cando compatibilizasen a súa actividade no Sergas coa sanidade privada. Trátase dun asunto que a Administración, tal e como pactou con CESM, revisará durante o mes de xuño, coa intención de que entre en vigor en xaneiro de 2024.

A falta de coñecer os detalles, permitirá que os médicos que traballen na privada e na pública poidan cobrar este complemento --duns 900 euros ao mes de media, xa que non é unha contía fixa-- ata unha diferenza máxima de 180 euros con aqueles que teñan exclusividade coa pública.

MANIFESTO DOS RESIDENTES E FACULTATIVOS

Pola súa parte, un grupo de residentes e facultativos do Sergas, contrarios ás medidas acordadas pola Administración e o sindicato CESM, fixeron público un manifesto no que critican estas medidas. Para os profesionais sanitarios, "non representa nin sequera de maneira parcial as demandas que este colectivo estaba reclamando", xa que os acordos tratan "aspectos puramente economicos" e non abordan "a mellora das condicións laborais dos traballadores" nin "da calidade asistencial".

Os asinantes do manifesto esixen diversas melloras, entre as que destacan o cumprimento da normativa europea "con carácter inmediato" en materia de contratación; a actualización dos cadros de persoal dos servizos hospitalarios e de Atención Primaria "para adecuarse á crecente demanda asistencial"; a devolución dos tres días de libre disposición para os profesionais sanitarios; e a limitación da xornada laboral ás 35 horas semanais, sen que exista a obriga de traballar de forma gratuita os sábados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta