O presunto parricida de Muros subía vídeos ás redes con armas e profirindo ameazas

A Garda Civil non confirmou oficialmente a arma coa que se produciu a morte violenta

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2023 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O mozo de 19 anos que foi detido este sábado como presunto autor do homicidio do seu pai, de 59, cuxo corpo foi localizado na pasada madrugada no seu domicilio de Esteiro, en Muros (A Coruña), permanece este domingo baixo custodia policial na comisaría de Boiro, á espera de pasar a disposición xudicial.

Segundo fontes coñecedoras da investigación consultadas por Europa Press, está previsto que ata este luns non se produza o paso ante o xuíz. Mentres, os investigadores continúan avanzando nas dilixencias da investigación, que asumiu a Policía Xudicial de Noia. A inspección ocular do domicilio deuse por concluída este sábado.

Agora, investígase o atopado no inmoble, así como uns vídeos en redes sociais do detido nos que aparece con varias armas e nos que profire ameazas. Ademais, segundo puido saber Europa Press, polo momento o mozo non recoñeceu os feitos e tampouco se localizou a arma coa que se produciu o crime.

FEITOS

O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou a morte violenta á primeira hora do sábado. A alerta sobre a existencia dunha agresión e unha persoa ferida nunha vivenda deste municipio coruñés produciuse sobre as 00,42 horas da madrugada.

Ao lugar do suceso acudiron unha ambulancia asistencial de soporte vital básico, así como persoal sanitario da PAC de Muros. O 061 informou posteriormente da morte violenta do home e tamén de que foi atendido un mozo de 19 anos e iniciais A.M.P., que foi dado de alta alí mesmo.

Este mozo de 19 anos é o fillo do falecido e foi detido polo suposto homicidio do seu pai, mentres se continúa solicitando datos para aclarar as circunstancias do ocorrido. Polo momento, a Garda Civil non confirmou oficialmente a arma coa que se produciu a morte violenta, aínda que fontes coñecedoras do caso indicaron a Europa Press que se tratou dun machete ou un obxecto de características similares.

O FALECIDO ERA "MOI COÑECIDO" E REXENTOU UN BAR

Fontes municipais consultadas por Europa Press indicaron que o home falecido era "moi coñecido" porque Esteiro é "moi pequeno" e rexentara un bar situado, precisamente, no baixo do inmoble no que se produciu a agresión. Na actualidade, o negocio estaba pechado.

As mesmas fontes precisaron que houbo veciños que, horas antes de que transcendese o suceso, ouviron golpes na vivenda. E que habitualmente, na mesma, había discusións, que atribúen a que o mozo tiña "problemas".

b63317562568254ab97b2132b885c73e.jpg. César Arxina - Europa Press
b63317562568254ab97b2132b885c73e.jpg. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta