Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2023 | Actualizada ás 14:03
A Confederación Intersindical Galega (CIG) fixo un chamamento á cidadanía para que se mobilice o vindeiro luns, día 1 de maio, co obxectivo de "dar resposta a unha realidade económica e social extrema" en Galicia. Nunha rolda de prensa en Santiago, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril presentou a campaña para esta data, baixo a lema 'Paremos o saqueo'. Así, sinalou que "se está sufrindo unha espiral xeneralizada de subida dos prezos e inflación", o que "está a causar unha deterioración nas condicións de vida".
Carril referiuse, entre outras cuestións, a "unha nova reforma das pensións que amplía os recortes" e que "se suma á última reforma laboral coa que nin se recuperan nin se gaña dereitos". Sobre isto, o secretario xeral da CIG apuntou que, case un ano despois da súa entrada en vigor "baixo as novas formas contractuais segue crecendo a flexibilidade, a inestabilidade laboral e avanza a precariedade".
"Son tempo de loita para conquistar políticas alternativas, esixindo a intervención pública da economía e de sectores estratéxicos, como o enerxético, e tamén dos mercados, para pór fin á especulación de bens básicos", destacou Carril.
POLÍTICAS ECONÓMICAS
Nesta liña, remarcou que "o avance da dereita e da ultradereita hai que confrontalo e non alimentalo coas mesmas políticas económicas inxustas". Así, manifestou que "o capital está a tirar proveito da inflación e da carestía da vida" e "obtendo millonarios beneficios a conta de especular cos prezos".
Carril afirmou que as políticas económicas "están a acelerar o aumento e as desigualdades e a pobreza" en Galicia. Desta forma, asegurou que o Goberno de Alfonso Rueda "vive entregado á carreira electoral de Feijóo en Madrid" e "segue mentido nunha acción de desmantelamento masivo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.