Marcial Gondar: "Hoxe expulsamos aos nosos mortos... mesmo a palabra 'morte' é de mal gusto"

O antropólogo Marcial Gondar Portasany abre o encontro "A morte nos Fisterras europeos: Bretaña e Galicia" no Consello da Cultura Galega. A partir da relación coa morte nestes dous lugares de Europa, estudan as diferentes maneiras coas que afrontaban a perda dunha persoa, sobre todo, aqueles ritos que se perderon ou están apiques de desaparecer.

Por Moncho Mariño | Santiago | 26/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-O encontro 'A morte nos Fisterras europeos: Bretaña e Galicia' é un achegamento á relación das dúas sociedades coa morte. Que trazos comparten ambos lugares na súa interacción coa morte?
O que máis se busca neste encontro son as representacións e como se enfoca a morte nun sitio e noutro. A comparación entre estes dous espazos, Galicia e Bretaña, vén da obra “As Cruces de Pedra na Bretaña” de Castelao, quen encontra numerosos paralelismos entre a cultura bretoa e a nosa. En ambas culturas temos o influxo do catolicismo ou a importancia que ten o tema dos mortos nas dúas. Hai abondos factores comúns entre un sitio e outro. Por iso, esta alianza entre a Universidade de Rennes e o Consello da Cultura levan anos tratando diversos temas, este ano foi a morte, máis adiante fanse publicacións en relación con estas palestras.

Marcial Gondar
Marcial Gondar | Fonte: CCG

-Cales son os trazos distintivos da relación coa morte en Galicia con respecto a outros lugares da península?
Tampouco se pode falar dunha cultura, pois temos dúas. Unha é a tradicional que comeza a esfarelarse a partir dos 1960s. A partir desa década, cando a emigración galega deixa de ir cara América e vira para Europa, os emigrantes inflúen moito máis porque poden ir e vir con maior frecuencia e iso trae unha homoxeinización de moitos aspectos antes diferentes, como algúns restos do pasado que aínda perviven. É como unha casa cando se está desfacendo, conservas algún moble vello ou pezas vellas, mais o que se observa é unha liña de homoxeinización da cultura occidental. Por todo isto, a cultura urbana de aquí ten semellanzas coa cultura doutros países europeos e case cos EE.UU.

En ambas culturas temos o influxo do catolicismo ou a importancia que ten o tema dos mortos nas dúas

-Entón, aquiles trazos propios de aquí dentro da nosa relación coa morte desapareceron por completo?
Ben, o tema que nos interesa é ver esa cultura do pasado que practicamente está perdida se non se está perdendo moito, se ten algo aproveitable para o mundo de hoxe. En todas as culturas do mundo a morte de alguén próximo, dun familiar ou amigo, produce angustia, en parte porque che recorda os lazos afectivos que pode haber. O que é distinto é a forma de xestionar esa angustia. Mentres que na cultura moderna é facer como que “non pasa nada”, algo así como os avestruces que agochan a cabeza dentro da area para non ver o perigo pensando que non vendo ese perigo, desaparece. Hoxe en día, por exemplo, constrúen os cementerios canto máis lonxe mellor, expulsan os cemiterios. Tamén expulsamos os mortos, antes os falecidos permanecían na casa para o velatorio onde se desenvolvía o dó, agora os mortos van aos tanatorios. Expulsamos o loito, hoxe está desaparecendo. Mesmo a palabra “morte” é de mal gusto, se alguén fala deste tema chámano macabro ou calquera cousa. Facemos como se non pasase nada, mais o certo é que pasou. Non temos estratexidas que permitan xestionar esas tensións do morrer. No pasado, todo estaba pensado para a xestión da angustia nos familiares e veciños.

-Ademais, tamén hai unha “laicización” da morte botando para outra parte os ritos relixiosos.
Na cultura tradicional, moitos elementos non tiñan nada que ver co catolicismo. Por exemplo, os banquetes fúnebres, algo que se pedeu hai moito tempo e ademais, estaban prohibidos pola Igrexa. Os prantos, por aquilo de chamar a atención, a Igrexa tampouco o vía con bos ollos. Todo iso ao mellor vén da noite dos tempos. O que chamamos cultura da morte e o que chamamos catolicismo non necesariamente ten moito que ver. Mesmo se chega a falar de fillos de velatorios, facíanse xogos, falcatruadas, cousas que non eran precisamente louvables pola Igrexa. E sobre a menor presenza da relixión na morte é algo que estudar con máis coidado, non é tan simple. Segundo a Igrexa ou vas ao ceo, ao inferno ou ao purgatorio. Aquí a xente anda na Santa Compaña e esta non aparece en ningún manual de teoloxía.

Expulsamos os mortos, antes os falecidos permanecían na casa para o velatorio onde se desenvolvía o dó

-Cre que nos últimos tempos se está facendo unha espectacularización da morte nos medios? Desde os vídeos en que se viron asasinatos de presos ou nomear de continuo as vítimas do terrorismo.
Aquí podemos indicar o uso da morte para inducir terror. Cando ves a alguén cun coitelo na man coa intención de asasinar a outra persoa, ninguén é indiferente. Existen mecanismos psicolóxicos para aliviar a dor mais tamén para incrementala.

-Quen son os “mortos incómodos”?
Ese é un tema que non toco eu, mais polo que entendo son os mortos soterrados en gabias, por exemplo, e as reclamacións para devolverllos aos parentes vivos, mais uns din que si e outros non. Se falas cos do PP dirán “deixade os mortos soterrados”, non se negan a devolvelos ás familias mais cando o goberno Rajoy, o orzamento para Memoria Histórica foi cero, se non lembro mal, mesmo se gababan de non gastar cartos niso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta