Denuncian un praza "low cost" de xornalista nas Pontes

O Colexio de Xornalistas pídelle ao Concello das Pontes que inclúa a titulación ou colexiación nos requisitos dun posto informativo para o que só se pide ter a ESO.

Por Galicia Confidencial | As Pontes | 27/04/2023 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

O decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, remitiu a pasada semana, en nome da Xunta de Goberno, unha misiva a Valentín González Formoso, alcalde das Pontes de García Rodríguez, na que lle reclama a revisión da convocatoria dunha lista de espera ou bolsa de traballo de redactor/a-locutor/a-cámara, na que só se require como titulación o graduado na ESO.

Micrófono nun estudo de radio
Micrófono nun estudo de radio | Fonte: Skitterphoto-Pixabay

O Colexio lembra que a FEGAMP ten asinado o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística e solicita ao Concello que se adhira a este acordo para que os postos xornalísticos sexan cubertos por persoas coa titulación ou colexiación correspondente. 

O día 18 de abril o Boletín Oficial da Provincia da Coruña anunciaba a convocatoria e bases para a constitución dunha lista de espera ou bolsa de traballo no Concello das Pontes de García Rodríguez, co obxecto de "acudir para cubrir as necesidades de contratación laboral temporal (circunstancias da produción, substitución da persoa titular, substitución por vacante...) na praza de redactor/a-locutor/a-cámara". Pese a que o posto ten claramente funcións informativas, e que unha das tres parte do exercicio de oposición consiste na "redacción dunha ou varias noticias", as bases inclúen como único requerimento de titulación para acceder ao posto ser "graduado/a en Educación Secundaria Obrigatoria (E.S.O.) ou equivalente". 

O decano Francisco X. González Sarria, en representación da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, dirixiuse o pasado 20 de abril ao rexedor das Pontes, Valentín González Formoso, para lle lembrar que "só a titulación en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou mesmo a colexiación poden asegurar que a elaboración da información relacionada co seu concello sexa tratada con garantías e profesionalidade". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta