Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 01/05/2023 | Actualizada ás 10:00
A organización da "Primavera de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras" fletará oito autobuses con xente chegada de diferentes cidades de Galicia e de Castela e León para gozar das actividades que se desenvolverán a fin de semana do 6 e o 7 de maio. A iniciativa parte da Axencia de Turismo de Galicia e inclúe actividades abertas ao público tamén para o 5 de maio.
Os autobuses, oito en total que saen de 4 cidades galegas --A Coruña, Santiago, Vigo e Ourense-- e 1 de Castela e León --Ponferrada--, chegarán a Valdeorras cada un coa súa ruta concreta e as paradas e actividades correspondentes dentro do programa presentado días atrás.
O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, e a vicepresidenta, Montse Rodríguez, presentaron en rolda de prensa o pasado 27 de abril dende o Castelo de Arnado en Vilamartín de Valdeorras a loxística dos autobuses e tamén o programa completo de actividades, propostas para os e as chegadas en autobús, pero tamén para quen se queira achegar pola súa conta e anotarse nas rutas que queden prazas dispoñibles. Neste senso, o sector hostaleiro valdeorrés disporá de ofertas especiais de aloxamento e menús para a fin de semana do 5 ao 7 de maio.
No encontro ante os medios, Joaquín Sánchez puxo en valor que "cada vez máis, a Ruta do Viño de Valdeorras actúa como un auténtico axente dinamizador do turismo na comarca". Ao seu xuízo, "o enoturismo está de moda, pero é necesario incentivalo" ofrecendo aos visitantes "propostas e circuítos atractivos" que poñan en valor o territorio.
Sánchez lembrou os activos paisaxísticos, naturais e patrimoniais da contorna e puxo énfase nas covas, construcións que destacan no patrimonio etnográfico da comarca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.