Colectivos veciñais da Limia e Xurés denuncian a presión de presuntos xestores eólicos para asinaren contratos de aluguer

Plataformas veciñais e deportivas mostaron o día 1 de maio a súa preocupación polo que poida pasar cos montes do Larouco. Neste lugar estaba prevista unha liña de alta tensión que levaría a electricidade de dous parques eólicos a unha subestación no encoro das Cunchas. En relación a isto, a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova denuncia a presenza de supostos representantes de empresas que ofrecen contratos de arrendamento a propietarios e propietarias baixo a presión de “se non asinan haberá expropiación”.

Por Moncho Mariño | Santiago | 05/05/2023 | Actualizada ás 22:04

Comparte esta noticia

O día 1 de maio a Plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova e o Club Parapente Baltar organizaron unha xornada de convivencia para chamar a atención sobre o risco de que os montes de Larouco estean afectados cunha liña de alta tensión que conectaría dous parques eólicos, Mistral e Tramontana coa subestación do encoro das Cunchas. De materializarse isto, a consecuencia máis directa sería para a bacía do río Salas, en concreto a zona de protección paisaxística da Rousía. Por outra parte, os propios montes de Larouco deixarían de ser un punto de competición para equipos de parapente. Nesta zona veñen celebrándose campionatos de diferentes categorías desde hai dúas décadas. Representantes dos clubes de parapente presentaron documentación avalada polas federacións española e portuguesa para que a Secretaría redactara un informe sobre o impacto das liñas de alta tensión nesta área. De momento non hai resposta.

Serra do Xurés
Serra do Xurés | Fonte: Xunta de Galicia.

PERDA DE PATRIMONIO E AFECTACIÓNS

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova sinala que “en 2021 sae a exposición pública que os parques Tramontana e Mistral, situados na Boullosa, conectaríanse mediante a liña do Xurés, isto afectaría á zona da Rousía, unha área de protección paisaxística”. Isto motivou a presentación de alegacións por parte da plataforma indicando a afectación á bacia do Salas. O promotor dos parques era a empresa Four Winds con quen Galicia Confidencial contactou mais non tivo resposta até o momento.

“Os parques Tramontana e Mistral en 2022 cambiaran de ubicación cara o Leste. O Tramontana quedou pegado ao parque do Larouco, que tiña 49 muíños, para nós unha ampliación encuberta”. Pola súa parte, o Mistral mentres tanto tiña ao pé outro parque, o de San Martiño. Ao final, a liña de alta tensión conectaría San Martiño co parque do Larouco.

Ademais das afectacións ao medio natural, na mesma área desenvólvense desde hai dúas décadas encontros de parapente. Esta actividade, que reúne no lugar varios campeonatos de diversas categorías (galegos, españois e internacionais), deixaría de funcionar en caso de estender liñas eléctricas como a instalación de muíños eléctricos.

Parapente no Larouco
Parapente no Larouco | Fonte: Plataforma

Enrique Cuquejo, do Club Parapente Baltar, sinala que ante a hipotética alteración do lugar, “reunímonos na Secretaría Xeral de Deportes con Jorge Rubén Sampedro, a quen lle presentamos toda a documentación, avalada polas federacións española e portuguesa, para que realizasen un informe” sobre as implicacións do proxecto sobre a actividade deportiva no lugar. “A resposta foi afirmativa, por tanto enviarían un informe, pasaron dous meses e como non respondían enviamos un email preguntando pola situación do informe e até hoxe xa van cinco meses”.

“A día de hoxe convivimos con outro parque eólico que está perto, mais se levan adiante todo o previsto, a zona do Larouco quedaría invalidada para realizar parapente” di Cuquejo. “Sabemos que a administración ten os seus tempos, mais cinco meses é un período xa longo, e a Secretaría de Deportes podería ter emitido un informe sobre este punto” que se podería engadir á Declaración de Impacto Ambiental do proxecto no Larouco.

PRESUNTOS REPRESENTANTES E PRESIÓNS

A Plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova avisaba o pasado día 1 de maio dunha campaña de medo e desinformación desenvolvida por un suposto representante da empresa Four Winds, a promotora do complexo Mistral-Tramontana. A plataforma avisaba aos e ás veciñas de non asinar ningún documento en caso de ver este “representante” de Four Winds. Como xa se apuntou, a empresa non respondeu ao chamado de Galicia Confidencial.

Outro presunto representante tamén estaría actuando en aldeas dos concellos de Baltar, Blancos e Calvos de Randín. O accionar sería o mesmo, unha oferta de diñeiro a persoas propietarias e se non, ameazaba coa expropiación. “Este representante viña en nome de Sertogal, unha empresa xestora, que ofrecía contratos a trinta anos por paso de liñas de comunicación (pistas ou estradas) e cun pagamento único de entre 500 e 600€”. O mesmo representante falou con persoas que vivían en lugares como Ourense cidade ou Vigo, mais con propiedades nestes concellos para facer a mesma oferta.

“Un dos propietarios díxolle que lle enviara un contrato e o contacto da persoa que falou con el e logo estudaría a oferta, non volveu ter ningunha chamada” din desde a plataforma. “O caso é que este suposto representante de Sertogal operaba en base a dous proxectos, o parque de Lamas de Feás e Lamas 2, o parque de Feás decaeu en xaneiro de 2023”. O “representante” parece ser que non volveu a contactar coa veciñanza.

Desde a empresa Sertogal, un dos seus voceiros, Sergio Rodríguez, sinala que “non temos coñecemento destas actuacións, si é certo que nós ofrecemos contratos e deixamos os nosos contactos”. Ademais “as liñas de alta tensión non se negocian con particulares senón cos concellos para minimizar o impacto das mesmas na contorna”. Sobre as ofertas “depende da afectación, de se se instala un muíño, se é unha pista, etc., isto quere dicir que non son prezos únicos, todo depende das instalacións que se realicen”.

“Non temos constancia de que alguén co nome da nosa empresa estea a especular, xa digo que nós non nos lucramos nin presionamos” di Rodríguez. “Levamos trinta anos xestionando parques en Galicia, sendo o de Cabo Vilán o primeiro”. Alén diso, de ser certas as afirmacións sobre o presunto representante da empresa, non descartan accións legais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Teresa

Autenticos macarras debidamente adestrados cos cartos e consellos das altas esferas, abusan da xente do comun para sometela os interes de catro da administracion e de catro capos do mundo empresarial. Vexase o dano que teñen feito na poboacion a traves de enganos, banca, telefonia