Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2023 | Actualizada ás 11:57
Un home acusado de distribuír droga mentres incumpría o toque de queda fixado para loitar contra a pandemia da covid-19 declarouse "inocente" e alegou que as sustancias incautadas eran para consumo propio.
"Merqueinas eu para consumo meu", explicou durante o xuízo celebrado este luns na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña. Na súa declaración, recoñeceu ser drogodependente desde hai "moitísimos anos, máis de 20". Por este motivo, a súa defensa solicita a "libre absolución" do procesado. "A cantidade intervida é mínima e está dentro das marxes de consumo para unha persoa que ten unha traxectoria de 25 anos de drogadicción", argumentou.
Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, os feitos remóntanse ás dúas da madrugada do 18 de febreiro de 2021 cando o acusado foi sorprendido camiñando á altura do quilómetro sete da N-550, en Cambre, quebrantando o toque de queda en vigor.
INCAUTACIÓN
Os axentes da Garda Civil déronlle o alto e, ao cachearlle, localizaron no seu poder chisqueiros de tipo soplete, dúas navallas e un cúter, así como unha carteira na que portaba 579,92 euros. Respecto desta cantidade de diñeiro, o acusado explicou que procedía da súa "pensión" e que "o levaba para pagar o piso". "Íao a ingresar no banco", apostilou no xuízo.
Por outra banda, no rexistro do vehículo e, dentro do forro dunha cazadora, os axentes localizaron tres bolsas de plástico con heroína e cocaína, así como dúas blisters con tres pastillas de metadona. Estas sustancias, unha vez analizadas, resultaron ser 3,81 gramos de cocaína e 0,192 gramos de heroína, así como 0,927 gramos de metadona. O seu valor no mercado alcanzaría os 417,45 euros.
O fiscal considera estes feitos constitutivos dun delito contra a saúde pública, polo que pide para o acusado catro anos de cárcere e multa de 1.252,35 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.