Por Galicia Confidencial | Outes | 10/05/2023 | Actualizada ás 21:55
O venres 12 de maio terá lugar unha xornada de mapeamento de especies exóticas invasoras no entorno fluvial do río Tins no Concello de Outes. Esta iniciativa forma parte do proxecto Renatur_Outes. As participantes aprenderán a utilizar a aplicación de ciencia cidadá iNaturalist que permite identificar e xeorreferenciar especies, combinando a colaboración das biólogas e naturalistas participantes no proxecto como con modelos de intelixencia artificial. A aplicación pode ser descargada gratuitamente no teléfono móbil por calquera persoa.
A actividade inclúese na programación da Semana Ibérica sobre Especies Invasoras. Comezará ás 10:00 no espazo de cafetaría da Casa da Cultura da Serra de Outes, onde se realizará unha breve presentación do proxecto e da aplicación iNaturalist. Despois farase unha visita de campo ao longo do treito urbano do río Tins para rexistrar especies exóticas invasoras presentes na zona. Non é necesario inscribirse nesta xornada, que está aberta a todo o público interesado.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentesou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial e a sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado formativas e divulgativas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.