Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2023 | Actualizada ás 18:14
Traballadores do Centro de Tratamento Automatizado de Correos de Lavacolla, en Santiago, concentráronse na tarde deste martes no exterior das instalacións para denunciar a situación de precariedade laboral que padecen, e confirmaron a convocatoria de folga para os días 22, 23, 24 e 25 de maio.
Segundo informou nun comunicado o sindicato CIG, trátase de persoal con relación laboral fixa de xornada parcial, que denunciaron que "practicamente non teñen ningunha opción" de conseguir un posto de traballo a xornada completa, aínda que levan máis de dous anos nese centro de traballo.
Os traballadores explicaron que a sociedade estatal Correos e Telégrafos convocou unha oferta de emprego en distintas áreas de traballo cun total de 160 prazas na provincia da Coruña, das que 113 son a tempo completo. No que respecta ao Centro de Tratamento Automatizado de Lavacolla, Correos "ten asignadas practicamente todas as prazas de novo ingreso a tempo completo", un total de 34, para Axentes de Clasificación.
Deste xeito, o persoal fixo a tempo parcial "ve limitadas as súas lexítimas opcións de poder mellorar as súas precarias condicións laborais, porque hai imposibilidade para poder acceder, nun tempo prudencial, a un posto de traballo a tempo completo". A CIG advertiu de que estas persoas están "abocadas a unha situación de precariedade laboral", mentres que as que accedan de novo ingreso nesta nova convocatoria de consolidación de emprego gozará de contrato fixo a xornada completa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.