Por Moncho Mariño | Pontevedra | 23/05/2023 | Actualizada ás 21:59
-Estás completamente convencido do “sorpasso” ao BNG do que falabas hai un tempo?
Coido que estamos diante das eleccións máis abertas e máis incertas vividas en Pontevedra durante estes últimos 24 anos. Non só o digo eu, dino as enquisas mostrando as mellores expectativas para o PSOE desde hai 15 ou 20 anos. Se ademais o comparamos co pasado, cando o PSOE mellora os resultados electorais prognosticadas polas enquisas, fai que sexamos optimistas. É difícil, non son parvo, superar unha diferenza de once concelleiros do BNG con catro socialistas é unha tarefa complicada, mais sobre todo confiamos nese sentir da rúa que sentimos todos os días, unha necesidade, non de destruír como presenta o PP, mais si de cambiar, marcar un novo punto de partida. Sentimos un cansanzo, un esgotamento da proposta política do BNG e por iso é necesaria unha aportación de enerxía que só lle pode dar o PSOE.
Hai un sentir na maioría da poboación de Pontevedra de que, sen destruír nada do feito, é necesario facer un cambio
-Cales son as ideas programáticas para darlle un aire novo á cidade?
Pontevedra fíxoo moi ben e ademais é un referente internacional en canto peonalización, eliminación do tráfico rodado do centro da cidade. Fixo cunha década de antelación o mesmo que fan todas as cidades a día de hoxe. A diferenza está en crer que todo está niso e pensarmos en cal será a próxima rúa en peonalizar, ou pensar noutros temas que o actual modelo de cidade non cubriu non tratou ou ten pendente de executar. Dentro diso podemos falar do emprego, do asentamento de empresas en Pontevedra e xerar actividade económica na cidade, este é un dos grandes puntos pendentes. O Concello de Pontevedra ten a día de hoxe cero metros cadrados de chan industrial dispoñibles, se unha empresa buscase instalarse aquí non tería onde facelo. E as cidades capital de provincia que xeran riqueza e marcan o ritmo do país son aquelas cunha actividade económica vinculada á empresa e ese non é o noso caso. Desde o punto de vista urbanístico temos a integración do río, da zona verde e espazos naturais na cidade. Traballamos moito o cemento, humanizamos moitas rúas, mais quedou atrás o río. No caso de Pontevedra, o río arrodea a cidade pola súa área máis urbana. Quedaron atrás o río e os espazos verdes vinculados a ese río e deberan ser integrados na cidade neste momento. Todo isto de cara a combater o cambio climático, de ofrecer espazos á cidadanía, mais tamén cunha dimensión económica xerando recursos turísticos vinculados ao turismo verde e sustentable polo que aposta Pontevedra como motor económico. Xunto a isto, debemos falar de vivenda pois a oferta é moi pouca e os prezos son absolutamente imposibles para a meirande parte do aluguer como mercar vivenda. Aínda que as competencias son da Xunta, o Concello pode aportar abondo creando un parque municipal de vivenda pública como nós propoñemos. O cuarto punto é a atención ás persoas como son os servizos sociais. Pontevedra está en posicións moi baixas entre as cidades españolas en canto investimento para política social, en recursos humanos e económicos destinados a esta finalidade. Iso nós queremos cambialo e ademais do cemento e das rúas, tamén queremos pensar nos dereitos e necesidades das persoas.
-Se as competencias para outorgar chan industrial son da Xunta, por que non ten concedido espazo para actividades económicas e industriais?
A Xunta actúa con Pontevedra dunha maneira sectaria. A Xunta podería entender aos veciños e veciñas desta cidade e podería asumir os seus compromisos. O polígono industrial do Campiño, o que temos neste momento, ten unha ampliación de 200.000 metros cadrados, contemplados no rascuño do PXOM e que foi informado positivamente polo executivo galego e o incluíu nos seus plans de expansión de chan industrial de Galicia para executar antes de 2024 e non só non o fixo, senón que cando o pleno decidiu por unanimidade solicitarlle ao goberno galego a ampliación dese espazo industrial, a resposta do presidente da Xunta, pontevedrés, foi negativa. Afortunadamente vemos o compromiso coa Zona Franca de Vigo para ser quen execute ese chan cos orzamentos xerais do Estado.
-Desde o Concello sinalan que o crecemento de habitantes en Pontevedra foi de 11.000 persoas e entre eles moitas persoas novas que se asentan na cidade. A que responde entón o problema da vivenda exactamente?
Hai como un mirar para outro lado. Desde logo Pontevedra é unha cidade atractiva para vivir, mais o problema está na pouca oferta de vivenda, sobre todo de vivenda pública. Cando constatamos, como se constatou este mes que en Pontevedra non hai unha vivenda de dous cuartos para alugar por debaixo dos 600€, é unha esaxeración para o salario dunha persoa media, ou mercar un piso de obra nova en Pontevedra implica, no mellor dos casos, lonxe do centro, en primeiras plantas, no caso máis barato un desembolso de 220.000€. Isto por que é así? Pois porque estamos nun mercado de oferta e demanda. A solución é intervir no mercado, isto é, introducir vivenda pública. A Xunta construiu as últimas vivendas públicas en 2015 e foran proxectadas e outorgadas polo goberno de Emilio Pérez Touriño. O goberno de Feijóo, do PP, non fixo nin unha soa execución nin planificación de vivenda pública en Pontevedra desde que goberna Galicia. Por tanto, toca pedirlle ao actual goberno galego facer vivenda pública con prezos acaídos para xente nova e rendas baixas, mais o Concello pode aportar o seu gran de area. Isto pode facelo como nós propoñemos, dedicando toda esa porcentaxe de edificabilidade que o Concello ten en cada unha das promocións inmobiliarias que se executan na cidade, en vez de ser monetizada como se fai neste momento, sexa recibida en especie, como vivenda coa que poidamos ir creando un parque municipal de vivenda pública en réxime de aluguer para estes colectivos. Con iso, ir facendo pouco a pouco facerlle a competencia á iniciativa privada e polo menos garantir a quen non pode facer fronte aos prezos actuais para ter unha vivenda que poda acceder a unha.
Debemos falar de vivenda pois a oferta é moi pouca e os prezos son absolutamente imposibles para a meirande parte do aluguer como mercar vivenda.
-Desde a túa concellaría cales son os obxectivos cumpridos, e a oposición dicía que non cumpririades e os que non foi posible cumprir neste mandato?
Pois para dicir a verdade, a Concellaría de Medio Sustentable e Natural, iniciou a súa andaina hai catro anos como Concellaría de Parques e Xardíns e pasado ese tempo, somos a concellaría que máis recursos captou para a cidade. Falamos por exemplo, de 30 millóns de euros de fondos europeos, uns a base de subvencións e outros a base de negociación co Goberno central. O obxectivo era, como xa dixen, a rexeneración de toda a costa, o dominio marítimo-terrestre, a integración do río e de espazos naturais como a Xunqueira de Ambia na trama urbana da cidade. Tamén creamos novos recursos vinculados ao turismo sustentable e verde como será a futura Vía Verde de Pontevedra a Vilagarcía. Por tanto, conseguimos unha demanda de 30 anos, integrar o Lérez e os afluentes, e ademais, os trinta millóns de euros significan xerar emprego, darlle traballo ás empresas de aquí mentres se executan estas obras. Unha vez executadas hai unha serie de recursos a disposición do turismo para xerar máis riqueza e emprego vinculados aos espazos verdes da cidade. Admeias, Pontevedra que foi líder europea e internacional en peonalización, tamén o está sendo en infraestrutura verde grazas ao traballo da Concellaría. Estamos desenvolvendo unha idea pioneira en Europa, unha infraestrutura verde que é coma un PXOM mais vinculado aos espazos verdes e naturais. Así saberemos que facer en cada zona, cales son os espazos para desenvolver no futuro. Por este motivo, o mes que vén teremos que ir a cidades como Grenoble ou Malmö para explicar como estamos traballando nisto e como combatemos o cambio climático baseado nesta infraestrutura verde da cidade.
-Sobre a decisión do Tribunal Supremo permitindo a prórroga a Ence na ría, isto acontece en pleno goberno de Pedro Sánchez, é posible que isto pase factura ao PSOE de Pontevedra?
Eu entendo que en absoluto. O goberno de Pedro Sánchez se algo fixo foi mostrar o seu compromiso coa protección da costa e a recuperación da ría e da costa en Pontevedra. En primeiro lugar cando a Avogacía do Estado se “allana” no procedemento na Audiencia Nacional, cando en contra da instrucción do goberno Rajoy de defender o consello de administración de Ence e defender a empresa, pois se “allana” e permite que a Audiencia Provincial decida entre os intereses da empresa e os intereses que defendía o Concello, Greenpeace, APDR e outros colectivos. E logo está o compromiso do Goberno cunha lei sobre o cambio climático que resolve todas as dúbidas e ambigüidades da leo de costas do goberno Rajoy. Asumir que unha decisión do Tribunal Supremo lle pasa factura ao goberno de Sánchez sería tanto como asumir que o Tribunal Supremo está dominado polo PSOE e nós entendemos que iso está lonxe de ser realidade. Por tanto, a decisión do Supremo é unha decisión que nada ten a ver co Goberno de España. Ademais, nós non compartimos a decisión, vai en contra e en detrimento do decidido pola Audiencia Nacional, e a postura do PSOE de Pontevedra sobre Ence é moi clara e moi coherente e permanente ao longo do tempo. Fronte a quen desexa a marcha de Ence si ou si, a postura do BNG; e frente a quen defende a empresa e o seu consello de administración, nós dicimos que Ence debe quedar en Pontevedra, os postos de traballo xerados pola empresa deben quedar en Pontevedra por seren futuro para a cidade. Mais isto debe estar fóra da ría e de Lourizán. Só quen defende os intereses da empresa, intentan convencernos de que o traslado non é posible, mais resulta que o traslado de 2009 estaba pactado coa Xunta de Pérez Touriño ademais de ser perfectamente factible. É certo que a día de hoxe hai unha sentenza do Tribunal Supremo que nun estado democrático debemos acatar. O Concello e o Goberno central están estudando o percorrido xudicial que poida ter, mais mentres tanto debemos cumprir a sentenza. Ademais, nós tamén insistimos en facer tres cousas que non se fixeron nesta cidade. Primeiro, esixir a Ence crear os postos de traballo que prometera, segundo, investir todos os cartos que debe investir para modernizala e evitar o risco que supón para os traballadores e a cidade a obsolescencia en que está esa fábrica, e por último, unha parte importante dos beneficios que ten por estar en terreos de maneira gratuíta nun terreo á beira do mar, sexan investidos na cidade e en evitar e paliar o efecto negativo da súa ubicación.
Traballamos moito o cemento, humanizamos moitas rúas, mais quedou atrás o río
-Cres que a sociedade pontevedresa está moi polarizada sobre este tema ou os ánimos están calmos?
A cuestión de Ence en Pontevedra é unha cuestión xa histórica. Cada quen tiña xa o seu posicionamento antes da resolución do Supremo e segue a telo agora. Desde logo non é o asunto que marca a axenda política de Pontevedra. Á parte diso, nesta cidade hai milleiros de postos de traballo vinculados á administración, que é a primeira empresa da cidade, temos empresas que internacionalizan a súa produción e en definitiva, Ence é unha peza do puzzle económico da cidade e non deberiamos prescindir dela. Pontevedra é máis ca Ence e non é unha cuestión exclusiva, hai máis puntos para tratar.
-Cres que se pode abrir ao tráfico algunha zona da cidade por cuestións loxísticas ou de necesidade?
Non creo en reverter ningunha das accións de peonalización e de gañar espazo para a cidade e que marcaron a axenda local durante os últimos 24 anos. É evidente que a poboación está contenta, premiando nas urnas un modelo co que estamos satisfeitos as pontevedresas e pontevedreses. Só hai unha cuestión, a Rúa da Raíña Victoria onde nós vemos necesario un axuste pois pechouse e non se utilizou practicamente para nada até hai un ano cando se colocou un skatepark na metade e na outra metade non hai nada. Cremos que o seu peche non significa gañar espazo para a cidadanía, si queremos un axuste que non sería volver ao modelo anterior, mais si transformala nunha plataforma pública que permita o seu uso para momentos de ocio e actividades culturais e en momentos puntuais, permitir a entrada do tráfico para o acceso de cidadáns ás súas vivendas, ao comercio e todo tipo de servizos, como o resto de rúas que non están no centro da cidade.
-Dentro do programa do PSOE pontevedrés está a dinamización e promoción do galego. Cres que é necesario realizar este punto logo dun goberno de vinte e catro anos favorable ao galego?
O resultado está á vista. Pontevedra non está lonxe dos demais centros urbanos onde o galego perde falantes ano a ano. Non así no coñecemento, porque afortunadamente o coñecemento, grazas ao ensino na escola é case universal. Porén, no dominio e uso diario vaise perdendo posicionamento constantemente, é case anecdótico o uso do galego na cidadanía, sobre todo na poboación máis nova. Iso é unha competencia da Xunta, mais desde o Concello se pode traballar e incentivar. Tamén se pode ser orixinal desde o punto de vista de facer actividades inclusivas, actividades universais, cos centros de ensino e coas asociacións se poida promocionar o uso do galego entre a xente máis nova. A eiva fundamental está na Xunta e non no Concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.