Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/05/2023 | Actualizada ás 10:50
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, dará comezo ás actividades de xestión e control de flora exótica invasora. O obxectivo é dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación cidadá na súa xestión a través de accións de voluntariado ambiental, para fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.
A primeira das actuacións terá lugar no río Tambre, ao seu paso polo concello de Ames. Será en sesión de mañá o vindeiro xoves, 1 de xuño de 2023. Para acudir, necesítase inscrición previa no seguinte correo electrónico: pacobanhobre@adega.gal.
Así, o LIC Río Tambre é unha das zonas de actuación propostas por ADEGA para a realización de accións de control de flora exótica invasora a través de xornadas de voluntariado. Supón, ademais, o inicio dos traballos de eliminación de Tradescantia fluminensis -especie invasora que está a afectar de forma incipiente diferentes especies de fieitos e flora ameazada presente no Catálogo Galego de Especies Ameazas-, nun espazo de elevado valor ecolóxico coma o Tambre.
"Deste xeito, a actividade estará encamiñada tamén a establecer un marco operativo e a seleccionar as metodoloxías adecuadas que permitan abordar futuras actuacións de eliminación, restauración fluvial e implementación de solucións baseadas na natureza con éxito", indica a organización ecoloxista nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.