Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/06/2023 | Actualizada ás 13:12
BNG e PSdeG avanzaron este luns a súa vontade de favorecer a formación de gobernos progresistas en todos os municipios galegos nos que sexa posible tras as eleccións municipais do pasado 28 de maio. Así o destacaron no encontro que se celebra no Hotel Palacio do Carmen de Santiago de Compostela, no que negociaran un acordo que facilite a investidura de alcaldes progresistas.
O BNG e o PsdeG chegaron este luns a un acordo para garantir a investidura de alcaldes progresistas o próximo 17 de xuño, xornada no que se constitúen as corporacións municipais tras os comicios do pasado 18 de maio. Segundo indicaron, trátase dun primeiro encontro no que se ratificou este acordo. Ademais, na cita, os políticos presentes abordaron situacións como a do Concello e a Deputación de Ourense, aínda que ningún dos dous políticos quixo desvelar o falado respecto diso.
Precisamente, ambas as formacións emprazáronse a novas reunións para analizar pactos concretos para distintos municipios, como pode ser de Santiago de Compostela e a propia cidade de Ourense.
BNG
Á cita acudiron membros da dirección de cada partido. Polo BNG, participan a responsable da área de Municipal, Carme da Silva; o responsable de Organización, Bieito Lobeira; e o encargado da área de Internacional, Rubén Cela. Pola súa banda, polo PSdeG están presentes a presidenta do partido, Carmela Silva; o secretario de Organización, José Manuel Lage; e o secretario de Política Municipal, Alberto Varela.
Antes do encontro, en declaracións aos medios, a nacionalista Carme da Silva explicou que as municipais deixaron un "mapa político propio" que permite que en moitos concellos "se poidan configurar gobernos alternativos ao PP". A dirixente lembrou que así o acordou a dirección do BNG coa intención de que se apoien as investiduras dos alcaldes do Bloque alí onde os nacionalistas sexan a forza política con máis votos alternativa ao PP e, á inversa.
Preguntada polo caso concreto da cidade de Ourense, Carme da Silva considerou que o "primeiro que debe aclararse" é o PP e atribuíu ás súas decisións durante o pasado mandato a situación actual da cidade. "O señor Rueda aínda non abriu a boca para dicir que vai facer en Ourense e que vai facer na deputación", apuntou.
POSICIÓN DO PSDEG
Pola súa banda, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, destacou tamén que acoden ás negociacións con "a idea de que se conformen gobernos progresistas" alí onde sexa posible. "Desde o ano 91 construímos acordos para que haxa un maior número posible de concellos en Galicia gobernados por forzas progresistas e concretamente, polo Partido Socialista", subliñou.
"Cremos que é importante este marco de diálogo co BNG. Forma parte da tradición e veremos ata onde somos capaces de chegar", destacou o número dous dos socialistas galegos, que asegurou que a formación acode coa "mellor das disposicións".
"O Partido Socialista vai falar de que poida haber o maior número de gobernos progresistas en Galicia, respondendo tamén ao que dixo a poboación", afirmou para lembrar que o PP "obtivo un 38% dos votos" o 28 de maio e que "as forzas políticas situadas na esquerda" son "maioritarias".
"Hai que lembrar que o Partido Socialista xa gobernaba a máis da metade da poboación e eu creo que estamos en condicións de seguir gobernando a máis da metade da poboación dentro dos concellos galegos", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.