A xornalista Tamara Montero recibe o XXXII Premio Xosé Aurelio Carracedo da Deputación de Ourense

O acto, celebrado no salón de plenos do Pazo Provincial, foi presidido polo vicepresidente Rosendo Fernández

Por E.P. | OURENSE | 05/06/2023 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

A xornalista Tamara Montero recibiu este luns o XXXII Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, dotado con 1.500 euros e un diploma, un certame instaurado pola Deputación de Ourense en homenaxe ao xornalista ourensán que lle dá nome, falecido en 1988, e en defensa do "xornalismo de calidade feito en Galicia".

O xurado decidiu outorgar por unanimidade o galardón a Tamara Montero polo seu artigo 'Casaio, a cartografía invisible da guerra', publicado o 22 de setembro de 2021 en 'La Voz de Galicia', ao considerar que se trata de "un exemplo do que debe ser unha reportaxe, mesturando o estilo xornalístico co máximo rigor".

"A premiada", sinala o xurado, "mostra oficio e talento para mesturar voces nun exercicio polifónico que ofrece unha nova mirada sobre as feridas da Guerra Civil, a posguerra e a necesidade de blindar a nosa memoria colectiva, incidindo neste caso no patrimonio industrial do país".

Na súa intervención, Tamara Montero reivindicou a importancia do xornalismo cultural, con peso para cambiar as cousas, e recoñeceu o traballo dos seus compañeiros de 'La Voz de Galicia' ao asegurar que de todos aprendeu "algo". Ademais, fixo un chamamento colectivo aos xornalistas ao destacar a importancia do labor social que fan "día a día" e lembrou a Carracedo, como un "exemplo de profesional que entendía o espírito máis puro do xornalismo".

A xornalista Tamara Montero recibe o premio Xosé Aurelio Carracedo
A xornalista Tamara Montero recibe o premio Xosé Aurelio Carracedo | Fonte: DEPUTACIÓN DE OURENSE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Félix Soria.

Noraboa!