Denuncian o "borrado" de materiais didácticos de Matemáticas en galego da web da Xunta

A CIG-Ensino considera esta acción "un novo exemplo da persecución" da lingua galega no ámbito científico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2023 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

A CIG-Ensino denunciou que un total de 169 unidades didácticas en galego foron eliminadas do portal da Consellería de Educación, no que considera "un novo exemplo da persecución" da lingua galega no ámbito científico.

Nun comunicado remitido aos medios, a CIG asegurou que, cando se cumpren 13 anos da publicación do decreto "para a redución da presenza" do galego en materias do ámbito científico e tecnolóxico denominado e "principal ferramenta" da Xunta contra o uso e a difusión da lingua galega na educación, a consellería "dá un paso máis e decide eliminar 169 unidades didácticas por estar escritas en galego".

Con esta decisión, o sindicato nacionalista sostén que o Goberno galego confirma "unha desapiadada e enfermiza rabia contra o galego e un afán de censura impropio dunha institución democrática". "Co borrado, a administración educativa limita a liberdade de ducias de docentes galegos que elaboraron un publicaron no repositorio de contidos da propia Consellería de Educación e lanza unha nova mensaxe: o galego non vale para as matemáticas".

A CIG cualifica de "vergoñoso" que haxa que recorrer exclusivamente a iniciativas non dependentes da administración, que "debería centrarse na defensa e promoción do galego, para poder acceder a unidades didácticas de matemáticas en galego, como é o caso das aloxadas no proxecto Descartes".

O sindicato esixe unha rectificación por parte do "cargo político que autorizou ese borrado" e a restitución de todos os materiais. Ademais, considera que esta medida non sería non só reparadora coa presenza do galego nun ámbito duramente castigado pola "política lingüicida da Xunta", senón tamén co propio traballo realizado polo profesorado.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello
O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta