Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2023 | Actualizada ás 21:14
A Consellería de Educación sinalou que "non se fixo desaparecer nada", ante as denuncias de CIG Ensino respecto de que se borraron, segundo o sindicato, un total de 169 unidades didácticas en galego do portal da Consellería de Educación, no que considera "un novo exemplo da persecución" da lingua galega no ámbito científico.
"O que se está acometendo por parte dos técnicos é unha renovación e actualización de contidos didácticos dixitais que xeran problemas de funcionamento ao utilizar tecnoloxías obsoletas", contestaron fontes deste departamento autonómico. A Xunta afirma que se trata de "un labor permanente, que se fai de maneira habitual, para dar un bo servizo: actualízanse contidos, incorpóranse outros e elimínanse os que xa non serven".
É máis, argumeta que "en moitas ocasións, son os propios docentes os que solicitan estas actualizacións pola imposibilidade de utilizar uns recursos que comezaron a implantarse no ano 2008 e que cos equipos actuais xa non son operativos". "Trátase de aplicacións que, cos cambios tecnolóxicos, resultan imposibles de executar e conteñen ligazóns que non funcionan", engadiron estas mesmas fontes.
Finalmente, a Xunta indicou que "esta tarefa que se fai habitualmente non afecta só a contidos de matemáticas ou en galego, senón a calquera que non sexa accesible por esta razón" e que incumben a todos os idiomas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.