Por Galicia Confidencial | Negreira | 10/06/2023 | Actualizada ás 21:00
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa co seu traballo de defensa da profesión e solicita ao Concello de Negreira a modificación da convocatoria de dúas prazas de caracter xornalístico nas que só se require o graduado escolar. Mentres tanto, o Concello das Pontes desestimou unha petición similar do CPXG argumentando que cómpre aterse ao grupo de clasificación profesional actual da praza, aínda que non pecha a porta a incluír a titulación no futuro.
O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, en nome da Xunta de Goberno, dirixiuse por carta a Manuel Ángel Leira Miguez, alcalde do Concello de Negreira, para transmitirlle a preocupación do Colexio por unha convocatoria para dúas prazas, unha de locutor/a outra de locutor/a-redactor-a, cuxas bases so contemplan como requisito de formación a posesión do título de graduado escolar ou equivalente.
Na misiva, González Sarria lémbralle ao alcalde que "para un posto de carácter xornalístico só a titulación en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou mesmo a colexiación poden asegurar que a elaboración da información relacionada co seu concello sexa tratada con garantías e profesionalidade". Por isto, e como xa ten realizado noutros casos similares, o CPXG solicita a revisión da convocatoria para garantir que se esixa a titulación adecuada a este posto de traballo, ou no seu caso a colexiación.
Desde o Colexio tamén se lle traslada a Leira Míguez que a Federación Galega de Municipios e Provincias xa ten asinado o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, que defende a contratación de xornalistas nos postos de comunicación da administración pública, e convídao a que o Concello de Negreira siga o seu exemplo.
AS PONTES DÁ LARGAS
Por outra banda, o Concello das Pontes, gobernado polo secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, desestimou a petición do Colexio de Xornalistas de que inclúa a titulación ou colexiación nos requisitos dun posto de redactor/a-locutor/a-cámara. A entidade local argumenta a decisión en que "o concello non pode modificar neste estado de tramitación do procedemento o nivel de titulación a esixir, xa que debe aterse estritamente ao correspondente ao grupo de clasificación profesional da praza", sinalando, con todo, que se a praza quedase vacante, "sería posible proceder á súa reclasificación, que obraría efectos no futuro". A corporación pontesa foi tamén convidada a adherirse ao Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.