Case 134.000 persoas empregaron o Bono Activa Comercio da Xunta

As provincias galegas nas que este programa supuxo un maior impacto económico foron Pontevedra e A Coruña

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2023 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

Un total de 133.945 persoas empregaron o Bono Activa Comercio da Xunta que nesta terceira edición mobilizou preto de 12,5 millóns de euros en vendas en menos de tres semanas, segundo destacou o Goberno galego.

O número de comercios que se adheriron á iniciativa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación chegou aos 7.058, a cifra máis alta do tres edicións. En canto aos sectores máis beneficiados, en primeiro lugar sitúase o téxtil, cun 38,7% das vendas mobilizadas; seguido do calzado, cun 14,5%; dos xoguetes, cun 10,2%; as ópticas, cun 7%; e as barbarías, cun 6,24%.

As provincias galegas nas que este programa supuxo un maior impacto económico foron Pontevedra e A Coruña, cun 38% e un 34% das vendas mobilizadas respectivamente. Así, en Pontevedra o importe total das vendas con desconto foi de preto de 4,7 millóns de euros, e na Coruña de máis de 4,2 millóns de euros. Na provincia de Ourense o programa contribuíu a mobilizar máis de 2 millóns de euros, e en Lugo preto de 1,5 millóns.

Nesta ocasión non se limitou o número de usuarios que podían descargar os bonos, senón que unha vez que o importe total dos descontos realizados alcanzou os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se podían utilizar.

Os bonos, en formato QR, podían utilizarse a través dunha aplicación móbil. O importe reducíase en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros correspondíalle un desconto de 5 euros. A rebaixa era de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzaba os 15 euros.

Arquivo - Bono Activa Comercio Xunta de Galicia.. XUNTA - Arquivo
Arquivo - Bono Activa Comercio Xunta de Galicia.. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta