Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2023 | Actualizada ás 18:16
As tres universidades públicas galegas ofertarán máis de 17.000 prazas públicas de estudo, entre as 11.890 en titulacións de grao (131 máis que no actual curso) e 5.163 nas de máster (34 máis que este ano académico), tal e como se deu conta este luns no Consello Galego de Universidades presidido polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
Sobre as titulacións, a Xunta detallou que se deu o visto e prace ao grao en Deseño na UVigo (con 45 prazas no Campus de Pontevedra), que conta con informe favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e aprobación da Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Universitaria. Por outra banda, continúan os trámites o Grao Dual en Enxeñaría de Automoción, tamén da UVigo, ata completar os informes preceptivos previos á súa implantación.
CINCO NOVOS MÁSTERES
En canto aos másteres, o alumnado poderá cursar cinco novas titulacións de máster nas universidades públicas o próximo curso. Así, incorpóranse o máster en Enxeñaría aeronáutica, impartido pola Universidade de Vigo (20 prazas no campus de Ourense); o máster en Patrimonio cultural dixital, interuniversitario entre a Universidade da Coruña (12 prazas no Campus da Coruña) e a Universidade de Santiago de Compostela (13 prazas no Campus de Santiago); e en Fabricación Aditiva, entre a UDC (10 prazas no Campus de Ferrol) e a UVigo (10 prazas no Campus de Vigo).
Ademais, haberá dous másteres interuniversitarios entre o tres universidades públicas. Trátase do máster en Ciencia e tecnoloxía da información cuántica, con 24 prazas a razón de oito nos Campus da Coruña, de Santiago e de Vigo; e en Xestión sustentable da auga, con 30 prazas totais repartidas entre os Campus da Coruña, Santiago e Vigo (con dez cada un).
Tamén se deu o visto e prace aos programas de Doutoramento en Nanociencia e biomedicina, da Universidade de Vigo (que substituirá ao de Ciencias e tecnoloxía de coloides e interfaces) e de Doutoramento en Didáctica das ciencias experimentais da USC xunto con outras universidades do Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.