Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2023 | Actualizada ás 13:10
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mostrouse visiblemente "emocionada", con bágoas nos ollos, no que é o seu último pleno como membro do Goberno autonómico tras 14 anos coa carteira de Mar, que tamén compaxinou durante un tempo coa de Rural.
Quintana, que foi nomeada conselleira no primeiro gabinete deseñado por Alberto Núñez Feijóo, concorrerá agora de número dous ao Congreso por Ourense, lista que encabezará Ana Belén Vázquez. Rosa Quintana, que concorreu ao Parlamento galego nas listas pola Coruña, ten, no entanto, unha importante vinculación con Ourense, xa que a súa familia é orixinaria de Pereiro de Aguiar.
Con bágoas nos ollos, Quintana recoñeceu que foron 14 anos de "moito esforzo de tentar facer todo o posible" pola cadea mar-industria, pero mostrouse igualmente "moi ilusionada" cos "novos retos".
Ademais, en declaracións aos medios nos corredores do Pazo do Hórreo, Rosa Quintana mostrouse tamén "moi agradecida" con todo o sector do que tanto aprendeu e tamén expresou a súa gratitude ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, polo "apoio" e "confianza" dadas e pola "xenerosidade" agora que a "chama" o presidente Feijóo para Madrid.
"Esa enorme xenerosidade do presidente Rueda que quere, desde Galicia, que en Madrid se siga falando de pesca", subliñou, para concluír, que está "súper agradecida". "Tentarei seguir dando de min todo o mellor por este sector ao que tanto quero", concluíu, con voz rota de emoción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.