Aparecen novos textos de Otero Pedrayo que non se publicaron por falar de galeguismo e anarquismo

Os textos serviron para publicar un libro por parte dos docentes do IES Concepción Arenal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2023 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

A bibliotecaria do IES Concepción Arenal de Ferrol, Isabel Yáñez, localizou nun almacén deste centro educativo un grupo de cartas inéditas do ourensán Ramón Otero Pedrayo, un traballo manuscrito elaborado fai seis décadas. Ese material, unha vez estudado e decodificado, serviu para poder elaborar un libro por parte da algúns dos docentes deste IES.

E é que os manuscritos do polifacético intelectual poderán ser agora lidos grazas ao traballo que acometeu a xefa do departamento de galego, Elvira Roiz, e a implicación doutros colaboradores, nunha publicación de 54 páxinas que abunda na figura de Otero Pedrayo e que tamén abarca unha parte da historia do centro educativo ferrolán, onde Gonzalo Torrente Ballester exerceu a docencia en varias etapas da súa vida.

Ditos documentos foron redactados no ano 1957, hai 66 anos, a petición do que por aquela época exercía como director do instituto emprazado na rúa Cuntis, para incluílos nunha revista que tiña previsto publicar no curo seguinte.

CENSURA

Pero este artigo, de catro páxinas a unha soa cara e titulado 'Horas do instituto', que se reproduce no propio libro, nunca chegou a publicarse, supostamente ante as dúbidas do director do instituto, Victorino López, a que o texto fose rexeitado pola censura na época franquista, debido ás referencias a cuestións relacionadas co anarquismo ou o galeguismo.

En canto ao libro recentemente editado, que leva por título 'Otero Pedrayo no IES Concepción Arenal', e dividido en sete apartados, achégase á vida, obra e pensamento do ourensán e a súa relación tanto co instituto, para o cal escribiu a súa colaboración, como coa cidade ferrolá, na que en 1949 impartía unha das súas primeiras conferencias da posguerra, organizada polo Círculo Mercantil e Industrial de Ferrol, ademais de abordar a evolución deste centro educativo, próximo a cumprir o seu centenario.

Ramón Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo | Fonte: Consello da Cultura Galega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta