Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2023 | Actualizada ás 19:15
O Consello Xeral do Poder Xudicial abriu expediente disciplinario ao xuíz José Antonio Vázquez Taín pola súa participación nunha produtora audiovisual, segundo confirmaron fontes do CGPJ a Europa Press.
José Antonio Vázquez Taín (A Merca, 1968), actualmente titular do xulgado do Penal 2 da Coruña, foi instrutor de casos como o do roubo do Códice Calixtino da Catedral de Santiago ou o do asasinato de Asunta.
Tal e como avanzou El País, o expediente aberto ao maxistrado galego daría paso a unha falta moi grave ou grave, por exercer actividades incompatibles co seu cargo de xuíz. Este diario sinala tamén que a decisión de abrirlle expediente chega despois de que o promotor da acción disciplinaria do CGPJ comprobase que Vázquez Taín exercía outras actividades alleas á xudicatura sen solicitar o permiso do órgano de goberno dos xuíces.
Nos últimos anos, o xuíz presentou dúas obras audiovisuais. A primeira, 'Peregrinas', é un documental sobre a muller no Camiño de Santiago estreado en 2022. En marzo pasado presentou 'O camiño mozárabe: sangue, suor e fe', un documental que narra a historia da Vía da Prata producido pola empresa Amarola Producións.
Ademais, Vázquez Taín escribiu sete libros, entre os que destaca 'A lenda do santo oculto', onde se atopan paralelismos co caso do roubo do Códice Calixtino ou 'Ao inferno chégase de présa', que trata sobre a desaparición dunha nena. O maxistrado tamén intervén asiduamente como tertuliano e colaborador en varios programas de televisión, como o Programa de Ana Rosa (Telecinco) ou o 'Quen anda aí' (TVG).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.