A Xunta non reforzará a Atención Primaria en verán: "atenderase por teléfono"

García Comesaña rexeita que haxa peche de camas, senón que se "adapta a planificación" á demanda e ás vacacións do persoal.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 20/06/2023 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xustificou que no verán "non é preciso ter todo disposto" en canto a medios en Atención Primaria, pero si avogou por "reforzar", se é posible, a atención urxente nos puntos de atención continuada (PAC).

En declaracións aos medios este martes na sede administrativa da súa Consellería en Santiago, onde participou na gala 'Reimaxina a ciencia Galicia', García Comesaña quixo diferenciar entre as urxencias e a atención ordinaria en centros de saúde. Preguntado sobre posibles tensións asistenciais que poderían ocorrer no verán en zonas turísticas, o conselleiro afirmou que a demanda en Primaria "afortunadamente" é máis baixa. "Por tanto, non é preciso ter absolutamente todo disposto coma se estivésemos no mes de febreiro", engadiu.

En canto á PAC, a pesar dos problemas de cobertura de prazas en áreas sanitarias como a de Pontevedra-O Salnés, o conselleiro asegurou que "en ningún caso" se reduce o seu persoal. "Mesmo, se podemos, reforzámolo", dixo a continuación.

"Cando alguén vén de vacacións, non ten para facer un control do neno san en pediatría, nin vai ao médico de cabeceira", explicou, para seguidamente suxerir a posibilidade de que os facultativos "atendan por teléfono", tamén para cuestións como renovar receitas. Así, García Comesaña insistiu en que a atención na PAC está "garantida" porque o Sergas fixo "un esforzo importante en todas as áreas" de face ao verán.

"As CAMAS NON SE PECHAN"

Neste contexto, o titular da carteira sanitaria da Xunta rexeitou falar de peche de camas hospitalarias no verán, tal e como denuncian colectivos como os sindicatos todos os anos, senón que "o que se fai é adaptar a planificación" dos servizos e os espazos ao verán pola "baixada da demanda".

"As camas non se pechan, as camas sempre están dispoñibles. O que facemos é adaptar a nosa planificación, por unha banda, a esas necesarias e merecidas vacacións do persoal sanitario, por suposto, e tamén á demanda que temos de servizos sanitarios", alegou García Comesaña.

Centro de saúde de Galicia na xornada de folga do 19 de xuño de 2019.. REMITIDA - Arquivo
Centro de saúde de Galicia na xornada de folga do 19 de xuño de 2019.. REMITIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

"Pero sempre está dispoñible absolutamente todo para, se fose necesario, volver habilitar espazos que, neste momento, poden quedar sen uso", dixo. Segundo as súas cifras, nalgúns hospitais comarcais a demanda pode descender "incluso por baixo do 50 por cento", aínda que en zonas máis costeiras diminúe en menor intensidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta