Toural dos Vaos e Vilafranca do Bierzo, a Xunta quere oficilizar os topónimos do Bierzo e Sanabria

A Xunta de Galicia busca iniciar "unha nova fase" na presenza do galego no Bierzo e Sanabria facendo oficiais os topónimos da zona neste idioma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2023 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia busca iniciar "unha nova fase" na presenza do galego no Bierzo e Sanabria facendo oficiais os topónimos da zona neste idioma. Así o explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante unha intervención na Comisión de Cultura para responder a unha pregunta do PPdeG sobre os resultados do ensino de galego no Bierzo, en León, ou Sanabria --ou Seara na forma galega--, en Zamora.

Tras expresar os bos datos que obtén este programa de ensino da lingua, Valentín García dixo que a intención da Xunta é "empezar unha nova fase" en relación ao galego na área, a da toponimia. Na súa intervención, destacou que algúns dos lugares destas áreas teñen "unha toponimia que poderiamos dicir que está moi castelanizada", o que é acorde coa súa pertenza a Castela e León, pero cuxas "formas patrimoniais son galegas". "Ou teñen, polo menos, tamén unha forma galega", dixo o secretario xeral.

Con iso, a Administración galega quere "oficializar polo menos unha toponimia bilingüe", de modo que sexa normativamente correcto utilizar nomes como "Toural dos Vaos" ou "Vilafranca do Bierzo", mencionou, algo que require, admitiu, unha modificación normativa. "Non é fácil, pero estamos a empezar a mover as primeiras pezas", apuntou.

ENSINO DO GALEGO

Sobre o programa de ensino de galego nestas dúas áreas limítrofes onde a súa implantación é "histórica", dixo Valentín García, impártese neste curso en 19 centros de Primaria e Secundaria. A iniciativa, segundo o secretario xeral, "foise consolidando sempre", mesmo a pesar de que a área sofre "unha caída demográfica moi severa", sobre todo en relación aos centros rurais.

Aínda con iso, o programa de aprendizaxe de galego incrementou a súa cifra de alumnos, pasando de 1.115 no curso 2021/2022 a 1.173 no 2022/2023. "Non é unha cifra espectacular, pero é moi importante para a demografía da zona", destacou Valentín García, tras o que engadiu que todos os centros que participan actualmente confirmaron xa a súa permanencia o próximo curso.

Por unha educación en galego no Bierzo
Por unha educación en galego no Bierzo | Fonte: Bierzo Ceibe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta