Obviamente, teremos respostas mais concretas e definitivas o vindeiro 24 de Xullo. Poren, pódense formular algunhas consideracións previas sobre esta cuestión.
Comecemos polo mais evidente. Ate os anos 2014/2015 existía unha tendencia dominante nos resultados que proporcionaban as urnas: PSOE e PP acadaban sempre a condición de primeira forza -nalgunhas ocasións con maioría absoluta- e, cando era necesario, complementaban os apoios parlamentares con CiU e PNV. A presenza significativa de forzas como IU e BNG non resultaban, habitualmente, determinantes na conformación das maiorías requiridas para a investidura dos sucesivos candidatos presidenciais. Durante ese amplo período de tempo falouse da presenza dun "bipartidismo imperfecto" para significar que, a pesar de non existir gobernos de coalición, socialistas e populares necesitaban -nalgunhas lexislaturas- pactos parlamentares relevantes, con forzas nacionalistas da periferia, para dirixir a Administración central do Estado.
A partir dos comicios xerais de Decembro do 2015, rexístranse importantes cambios no mapa político estatal. Os dous grandes partidos tradicionais experimentaron unha notábel redución nos seus apoios electorais mentres apareceron dúas novas formacións -Podemos e Cidadans- que acadaron unha inédita representación no Parlamento estatal. Ao mesmo tempo, as substantivas mudanzas operadas no escenario catalán provocaron a desaparición de CiU como forza dispoñíbel para pactos de lexislatura no Congreso e o xurdimento dunha formación independentista -Junts- que xestionou a herdanza do "pujolismo" dunha forma moi diferente á que viña realizando anteriormente e, xa que logo, imposibilitou ou dificultou seriamente a conformación de maiorías de gobernabilidade a nivel estatal.
Nalgúns momentos do período transcorrido entre 2015 e 2019 acadaron maiores doses de credibilidade algunhas hipóteses nunca contempladas na política do Estado español: o "sorpasso" de Podemos ao PSOE e o de Cidadáns ao PP. Téñense publicado moitas análises sobre os factores explicativos de semellante fenómeno. En case todas elas, figuraban tres denominadores comúns: o desgaste derivado das graves consecuencias sociais asociadas á crise financeira dos anos anteriores; a perda de prestixio da elite política dominante debido aos abondosos casos de corrupción e o impacto causado pola dinámica de conflitividade rexistrada en Cataluña por mor das diverxencias a respecto do seu status no ordenamento constitucional estatal.
Finalmente, semellantes hipóteses non se confirmaron. O PSOE de Pedro Sánchez aguantou a presión grazas a unha liña de actuación mais acorde coas mellores prácticas da historia da socialdemocracia e mais respectuosa coas demandas que se formulaban dende os espazos nacionalistas de Cataluña e Euskadi. No caso de Cidadáns, a nefasta xestión protagonizada por Albert Rivera arruinou as expectativas xeradas arredor deste partido. Polo demais, a aparición de Vox complicou os plans do PP para recuperar o terreo perdido despois do trunfo da moción de censura de 2018.
O nacemento, ao comezo de 2020, do goberno de coalición entre PSOE e UP -co apoio de ERC, PNV, Bildu, BNG, Compromís...- certificou a mudanza no modelo de gobernanza que viña caracterizando a vida política no conxunto do Estado dende 1977. Aquel vello "bipartidismo imperfecto" foi substituído polo que algúns chaman "bibloquismo". Esta nova dinámica é a que vai ser sometida ao test da cidadanía o vindeiro 23 de Xullo.
Ao día de hoxe, as sondaxes sinalan un fortalecemento do PP (debido, basicamente, á desaparición de Cidadáns) e un estancamento ou leve descenso do PSOE. Polo tanto, non hai datos demoscópicos que permitan afirmar o retorno inmediato do bipartidismo que nos acompañou durante tanto tempo. As urnas do 23-X só ofrecerán dúas posibilidades de goberno: a coalición do PP con Vox (xa acordada na Comunidade Valenciana, a pesar do previo negacionismo teatral realizado por Feijoo) ou un acordo entre o abano de forzas que sostiveron ao Executivo de Pedro Sánchez durante os últimos catro anos. Algúns poderes fácticos desexarían, talvez, unha terceira alternativa -acordo de gobernabilidade entre PP e PSOE- que, na actualidade, resulta inviábel.
O eventual retorno ao bipartidismo tradicional requiriría, en todo caso, a concorrencia de dúas circunstancias: unha transferencia de votos notoria dende o que hoxe é Sumar cara o PSOE e unha translación significativa de votantes de Vox ao PP. Que isto suceda vai depender, nunha boa medida, da capacidade de resistencia electoral deses socios dos partidos tradicionais.