Ana Pontón acusa a Rueda de "machista" por non aceptar a súa proposta de debate

Sae en defensa do traballo de Rego: "fixo máis por Galiza que os dez deputados do PP". Valentín González di que Pontón o oculta porque é o que representa o "BNG de verdade" que "aplaude a guerra de Putin".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/06/2023 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente galego, Alfonso Rueda, de "machista" por non aceptar a súa proposta de debate. "Se a proposta a fai un home, como fixo Feijóo, pois se valora, pero se a fai unha muller, como é o meu caso, non", di.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: Europa Press

Pontón recordou que nas eleccións xerais de 2008 o PP propuxo un debate entre as forzas políticas galegas, a través do que daquela era presidente do PPdeG e líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, un debate ao que o BNG dixo que si e que se celebrou na TVG en horario de máxima audiencia. “Pero agora é o BNG que fai a proposta e o señor Rueda di que non quere debater comigo", dixo.

 

“Resulta que sen en política é un home quen propón o debate, como foi o caso de Feijóo non seu día, valorase a oportunidade do debate e punto. Pero se a proposta parte dunha muller, como é o meu caso como portavoz nacional do BNG, temos que oír nada menos que do presidente de Galiza que estou necesitada de atención”, lamentou.

 

“Así que lle pediría ao señor Rueda menos paternalismo, menos machismo e máis debate e talante democrático, e pídolle que recapacite, que non se esconda do debate electoral porque é un dereito da cidadanía”, concluíu.

 

NÉSTOR REGO

Tamén destacou o traballo feito polo BNG no Congreso, e do único deputado nacionalista en Madrid, Nestor Rego. "Un só deputado do Bloque fixo máis por mellorar a vida dos e das galegas que os dez do Partido Popular", dixo en resposta ás críticas do PP e PSOE de que queira ocultar a este candidato tras propoñer debates só dos líderes política.

“Hai dúas razóns polas que o señor Rueda non quere debater comigo: por vergoña e por medo. Vergoña polo papelón dos deputados e deputadas do PP no Congreso, que demostraron a súa total inutilidade política para defender Galiza en Madrid. E medo porque fronte a esa inutilidade do PP está a utilidade do BNG, que cun só deputado logrou máis para Galiza que todos os dez do Partido Popular xuntos", dixo.

PSDEG

Pola súa banda, o líder do PSdeG, Valentín González, dixo que el e a súa formación están sempre dispostos a debatir. "Nós sempre queremos debatir, as veces que faga falla", dixo, pero rexeitou que no caso das Xerais "se oculten aos candidatos a eses comicios e como van defender os intereses de Galicia".

"É un erro ocultar a Néstor Rego e Pontón o oculta porque o seu posicionamento é o BNG de verdade, o do BNG que non aplaudiu a Zelensky no Congreso, o que aplaiu a guerra de Putin e apoia plantexamentos independentistas", dixo.

SUMAR GALICIA

Sumar Galicia, que ten en Marta Lois --candidata pola Coruña-- ao seu referente político, propuxo tres debates ás outras principais forzas políticas nas que participen integrantes de senllas candidaturas. Así, a filial galega do partido de Yolanda Díaz propón levar a cabo un debate sobre asuntos xerais, e outros dous específicos: un sobre economía e emprego e outro sobre igualdade.

A proposta é que os debates se realicen en horario de máxima audiencia na TVG e cos candidatos que concorren ás eleccións, dos que sairán os representantes no Congreso e o Senado. Esta idea choca, por exemplo, coa da líder do BNG, Ana Pontón, que apostaba por un debate a tres bandas coas formacións que teñen representación na Cámara, algo que para populares e socialistas pretende "esconder" ao seu candidato ao Congreso e deputado pola Coruña, Néstor Rego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 ElviLP

Ana Pontón facendo o ridículo co insulto de machista cando podía aportar milleiros de argumentos ante as políticas do pp. O psoe como sempre, nas berzas

1 Sentidiño

O argumento de Pontón é simple de máis: Rueda non se esconde por machismo, senón por incompetencia. Faría o mesmo se o reto viñese dun home. O Pp galego encerrouse na cuncha, onde pretende resistir para ter tempo de preparar unha candidatura atractiva. Rueda é demasiado gris.