Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2023 | Actualizada ás 15:56
Os dous grupos da oposición (BNG e PSdeG) aproveitaron a comparecencia do conselleiro Román Rodríguez no Parlamento galego, que estivo unicamente centrada na cultura, para reprocharlle que non falase do "desmantelamento" da FP despois das protestas das últimas semanas organizadas por sindicatos e colectivos docentes ante o aumento da oferta dos ciclos a distancia.
Fronte a estas críticas, Rodríguez --cuxa Consellería engloba competencia en Cultura e Educación-- desmentiu tal desmantelamento e afeoulles que volvan cuestionar as súas políticas sobre a FP: "Ao final, o tempo é o mellor xuíz". Tras un discurso no que o conselleiro debullou actuacións pasadas e futuras do seu departamento no ámbito cutural, a oposición --igual que o fixo a semana pasada tras a xunta de portavoces do Parlamento que fixou a orde do día do pleno-- volveu ha lamentar que na súa comparecencia non mencionase a FP.
A deputada do BNG Mercedes Queixas citou a Celso Emilio Ferreiro para censurar que, por "o veto do PP", Rodríguez acudise á Cámara a falar "do que lle peta e dálle a gana", pero non de "o que interesa, demanda e precisa á sociedade galega". A nacionalista ve nesta actitude "un claro exemplo de desprezo ao profesorado e ao alumnado". Así mesmo, Queixas acusou á Xunta de promover "unha reordenación da FP imposta" de maneira "unilateral", ademais de "improvisada" a final de curso, "sen marxe de actuación" aos centros educativos e "sen transparencia".
Noa Díaz (PSdeG), aínda que se dixo "encantada de debater hoxe sobre a cultura deste país", tamén protestou por que o conselleiro non abordase o "desmantelamento" dos ciclos, que é "máis urxente". E é que o catálogo de FP do próximo curso aprobado pola Administración autonómica reúne un total de 42.174 prazas, un 12% máis que o curso anterior, e varias titulacións novas. De todas elas, 7.470 prazas son para as modalidades a distancia, unha cifra que creceu nun 74% con respecto ao ano anterior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.