Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2023 | Actualizada ás 19:05
O vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, vinculou coa proximidade das eleccións xerais do 23 de xullo unha pregunta formulada este mércores no Parlamento de Galicia pola viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, sobre un proceso xudicial por mor dunha querela por acoso laboral contra oito directivos da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre eles o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo.
Durante un tenso debate no pleno do Parlamento, Rodil fíxose eco dunha información publicada o 9 de xuño en 'Nós Diario' --que apuntaba que estes directivos sobre os que se dirixe a demanda penal de acoso a unha empregada terán que declarar como investigados-- para reclamar o cesamento da cúpula do ente público.
"Non é admisible en calquera empresa, pero aínda menos admisible nunha empresa pública que pagan os galegos do seu peto", esgrimiu a deputada do BNG, que tamén se referiu a "os centos de condenas nos últimos 14 anos por vulnerar os dereitos dos traballadores" que ten a CRTVG.
Na súa resposta, o vicepresidente primeiro da Xunta acusou ao BNG de acordarse da Corporación "para cuestionala e atacala" sempre "que hai eleccións". Segundo criticou, os nacionalistas xa fixeron da televisión pública e "o centro dos seus ataques" para as municipais do 28 de maio.
Así mesmo, Olalla Rodil preguntou "que máis ten que pasar" para que o PP "cese a esa dirección da Corporación". "Os únicos que atacan á CRTVG e aos traballadores dos medios públicos foron vostedes e a dirección que puxeron en 2009 a dedo e manteñen incumprindo a lei", replicou.
Na quenda de peche, Diego Calvo lembrou que foi o bipartito de PSdeG e BNG na Xunta (2005-2009) o que "mandou" no ente cando "tivo a oportunidade", o cal foi "o maior escándalo dos medios deste país".
O tamén conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes cuestionou que o Bloque xa rexistrase esta pregunta oral "antes de que as persoas asociadas na querela recibisen a súa notificación" sobre o procedemento. "Connosco, señora Rodil, para esa estratexia, non poden contar", resolveu Calvo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.